R lanza unha proposta para ofrecer mil megas por segundo de baixada en 2019

xoves, 5 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

Gráfico publicado por El Correo Gallego no que ilustran a proposta de R para espallar a banda larga en Galicia

A Xunta, segundo fai saber nos seus plans de banda larga, vai promover a chegada de rede de alta velocidade a onde non había ata o de agora posibilidade de tela, en parte porque as empresas que achegan estas infraestruturas non tiñan en perspectiva facelo, xa que argumentaban unha demanda insuficiente. Porén, os ditos plans inclúen entre outras cousas unha serie de axudas que están a mudar o punto de vista das empresas sobre o noso rural (ese mercado que ata agora non interesaba, pero de hoxe en adiante si). As subvencións, con todo, aínda non están resoltas, de aí que firmas como R e Telefónica estean a poñerse as súas mellores galas. Así nolo conta estes días El Correo Gallego, que fala ata de “guerra soterrada” entre operadoras motivada pola cuestión da “fibra óptica”. Nesta contenda habería moito xogo: o privilexio de levar unha rede de nova xeración alén das sete principais cidades e abranguendo o rural. Se os días pasados o xornal deu conta das medidas que tomaría a este respecto Telefónica (despregue masivo para levar a fibra aos fogares de 410 núcleos de poboación), agora é a quenda de R, que polo visto xa anunciou que impulsará para este equipamento a gran escala a súa rede de cable mellorada e potenciada.
En xogo estaría a cuarta orde de subvención do Plan Director de Banda Larga 2010-2013, que vén cunha contía de 28 millóns de euros para catro anos, orzamento que no caso de R cubriría unha quinta parte do investimento que ten previsto, no caso de resultar adxudicataria, e que chegaría 129,6 millóns de euros. A súa proposta, informa El Correo, achega para o ano 2013 velocidades de ata 200 megas por segundo de baixada e 10 de subida, que sería o dobre do que esixe a Xunta no dito plan. A previsión sería de transformar no ano 2015 esa velocidade para situala nos 600 megas de baixada e 20 de subida. En 2019 a cousa situaríase nos mil e nos trinta. A rede que poría en xogo R sería a mesma que temos xa nas cidades e nas vilas galegas, pero cunha serie de melloras. Por exemplo, basearíase no cable coaxial e no sistema Docsis 3.0, que permite incrementar velocidades ata os 2000 megas. A proposta do operador galego abranguería as 86 poboacións obrigatorias que se estipulan no plan e cubrirían tamén as 107 opcionais. En total, estaríamos a falar de máis de medio millón de beneficiados.