Digi activa a súa rede de fibra óptica na Coruña

venres, 4 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses moitas rúas galegas presentaban obras nas que podía verse como estaban a instalar a rede de fibra óptica do operador Digi, que até o momento ofrecía o servizo a través de conexións alugadas a Movistar, pero que dende hoxe na cidade da Coruña xa ofrece o servizo dende a súa rede propia, de xeito que os afortunados con cobertura poden gozar da chamada Fibra SMART, que achega conexións de 1 Gbps por 20 euros/mes, así como a recente PRO-DIGI, que achega 10 Gbps por só 30 euros/mes (e tamén inclúe un router Wi-Fi 6).
A estas tarifas pode engadírselle teléfono fixo e varias liñas móbiles a prezos moi competitivos e, supoñen un aforro substancial con respecto ás conexións indirectas de Digi (a conexión de 1 Gbps custaría 30 euros/mes), polo que Digi convértese no operador de telecomunicacións máis competitivo na cidade da Coruña, aínda que cómpre sinalar que a compañía non ofrece servizos de televisión.
Aparte da Coruña, Digi tamén vén de ampliar as súas zonas de Fibra SMART ás cidades de Alacante e Málaga.

PUBLICIDADE