Remata a poxa pola banda de 26 GHz para a 5G

mércores, 21 de decembro do 2022 Redacción

A licitación da banda de 26 GHz, na que se poxaban 12 concesións estatais de dominio público radioeléctrico (2.400 MHz) e 38 concesións de ámbito autonómico (400 MHz), finalizou tras as poxas dos operadores que optaban ao proceso. Tras o peche desta poxa complétase o proceso de posta ao dispor dos operadores da práctica totalidade da banda de 26 GHz, prioritaria para o desenvolvemento da tecnoloxía 5G.
Tres operadores, Telefónica, Vodafone e Orange, poxaron por nove concesións de ámbito estatal, 1.800 MHz. No ámbito autonómico, a compañía Globe Operator Telecom poxou por unha concesión en Castela e León. O importe final polas concesións outorgadas, cuxa duración será de 20 anos prorrogables unha vez por 20 anos, ascende a 36,2 millóns euros.
É especialmente salientable o caso de Telefónica, adxudicataria de 1GHz na banda de 26 GHz por un importe total de 20 millóns de euros, xa que Vodafone e Orange só se fixeron con 400 MHz cada un, polo que a vantaxe competitiva de cara ao futuro por parte de Telefónica resultará evidente.
A banda milimétrica permitirá ofrecer conexións 5G con grandes prestacións en espazos de alta densidade de demanda, como instalacións industriais, parques empresariais, espazos deportivos... aínda que a súa adopción será lenta, xa que precisa dun grande investimento por parte dos operadores e de dispositivos móbiles compatibles (que actualmente son unicamente algúns móbiles de alta gama).

A capacidade adquirida por Telefónica é especialmente rechamante

PUBLICIDADE