Interior propón acordos entre operadoras e policía para bloquear as webs de pedofilia
mércores, 25 de xuño do 2008
Hai datos sobre a Rede que dan medo. Podémolo comprobar nos buscadores (na sección de novas) se introducimos o termo “Internet”. O resultado é o seguinte: a día de hoxe, máis ou menos o 70% dos resultados son de informacións ligadas á pedofilia e a delitos relacionados coas canles dixitais. Con independencia de que a cuestión estea inflada polos medios de comunicación (que sempre aproveitan para incrementar o compoñente máis sórdido e para situar á Rede como culpable da situación, coma se a pedofilia non existise denantes da chegada da mesma), o certo é que se trata dun tema que preocupa, sobre todo pola liberdade de movementos que os pederastas semellan atopar nas canles dixitais da información. Niso precisamente, en limitar esta marxe de acción, é no que semella consistir unha proposta do Ministerio de Interior que ten moitos visos de devir en realidade.
Trátase da posta en marcha dun sistema de bloqueo para o acceso a webs de pedofilia na Rede. O sistema, que se apoiaría sobre un traballo conxunto entre a policía, as institucións públicas e as operadoras, está a ser en xeral ben acollido, pero cun aquel de desconfianza, máis ca nada polo que ten de posible elemento xenérico de censura. É dicir: quen nos asegura que a policía non pechará máis páxinas das debidas?
Como dixemos, a proposta implicaría a colaboración estreita entre varias frontes. Das institucións públicas dirixindo e regulando, dos corpos policiais elaborando listaxes negras de sitios prohibidos e das empresas que subministran servizos web levando a cabo o labor de impedir os acceso. Isto, que segundo se apunta en La Razón, xa se está a facer en países como Cuba, China ou Irán (que, en maior ou menor medida, tampouco son un gran exemplo a seguir no que se refire á defensa das liberdades de expresión, nin na Internet nin na vida real), precisaría dun acordo de cooperación entre os principais provedores de Rede e o Corpo da Policía Nacional.
