Ineo celebra a súa asemblea xeral ordinaria

venres, 5 de xuño do 2026 Redacción

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), onde destacou a contribución da entidade ao fortalecemento do ecosistema tecnolóxico galego e puxo de relevo o papel clave do sector TIC na transformación e na competitividade da economía galega.
Durante a súa intervención, Toca lembrou a relevancia estratéxica dun sector que representa o 2,5 % do PIB de Galicia, dá emprego a máis de 23.000 persoas e está integrado por máis de 3.100 empresas. Neste marco, incidiu na necesidade de continuar avanzando na elaboración do novo Plan Director da Industria TIC, unha folla de ruta deseñada coa participación activa do propio sector para favorecer o crecemento, a innovación, a captación de talento e a transformación dixital da economía galega.
A directora xeral tamén salientou as diferentes liñas de apoio impulsadas pola Xunta para acompañar as empresas nos seus procesos de innovación, expansión e dixitalización. Entre outras actuacións, destacou o respaldo do Igape á elaboración do Plan Estratéxico de Ineo, os obradoiros sobre aplicacións prácticas da intelixencia artificial organizados recentemente pola asociación e outras iniciativas orientadas a reforzar a competitividade e a capacidade innovadora do tecido empresarial galego.
Finalmente, Toca reafirmou o compromiso do Goberno galego coa innovación, a dixitalización e a mellora da competitividade empresarial. Neste sentido, referiuse á futura Estratexia Galega de Innovación Empresarial como a guía para potenciar a capacidade innovadora das compañías galegas e mencionou instrumentos como a próxima convocatoria de axudas para a transformación dixital, os programas de internacionalización e os préstamos destinados a proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación, co obxectivo de favorecer o crecemento empresarial e converter o coñecemento en novos produtos, servizos e solucións innovadoras.