O Clúster TIC pon en marcha os servizos do CPD do CSA con descontos para socios e inquilinos

venres, 5 de xuño do 2026 S. P.

O Clúster TIC Galicia vén de poñer en marcha os servizos do Centro de Procesamento de Datos (CPD) situado no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC da Coruña, unha infraestrutura de altas prestacións deseñada, segundo lembra a agrupación empresarial, “para dar soporte a proxectos de intelixencia artificial, computación avanzada e procesamento multimedia”.
A través desta plataforma en liña, as compañías poden acceder a todas as funcionalidades necesarias para xestionar as súas máquinas virtuais e recursos de computación. Estes servizos están ao dispor de calquera empresa tecnolóxica interesada no seu uso, porén as firmas socias do Clúster TIC Galicia beneficiaranse dun desconto superior ao 57% sobre os prezos xerais, e as inquilinas do CSA, dun 65%, reforzando así o ecosistema de innovación da Cidade das TIC.
Entre as principais prestacións e vantaxes que ofrece esta infraestrutura destacan: un período de proba gratuíto para avaliar as capacidades da infraestrutura, o autoaprovisionamiento de recursos baixo un modelo flexible de pago por uso, ferramentas de xestión de facturación e control orzamentario, administración avanzada de usuarios con distintos perfís e niveis de permisos, máxima seguridade mediante autenticación de dobre factor (2FA) e acceso seguro mediante claves SSH, acceso completo a unha infraestrutura GPU de alto rendemento (con máis de 15 nVIDIA L4 de 24 GB dispoñibles para as máquinas virtuais) e a posibilidade de utilizar aceleradores avanzados como nVIDIA A40 de 48 GB e nVIDIA H200 de 141 GB para cargas de traballo de intelixencia artificial e computación intensiva.
O Clúster TiC lembra que “os recursos no CPD-CSA constitúen unha infraestrutura estratéxica para organizacións que requiren potencia de cálculo con marxe de adaptación e evolución para desenvolver solucións baseadas en intelixencia artificial, analítica de datos, simulacións e outras cargas de traballo intensivas”.
O catálogo do CSA abrangue servizos de adestramento e despregamento de modelos de IA, motores de inferencia e acceso a servidores especializados de altas prestacións, facilitando a innovación e reducindo os custos asociados á adquisición e mantemento de infraestruturas propias.