A IA en publicidade e como crear anuncios eficaces centran unha nova xornada da Cámara de Santiago

xoves, 4 de xuño do 2026 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar a vindeira semana unha actividade formativa de transformación tecnolóxica centrada na intelixencia artificial e nas posibilidades que ofrece en materia de promoción comercial. Trátase da xornada en liña IA en publicidade dixital: como crear anuncios eficaces rapidamente. Será o mércores 10 de xuño a partir das 10.00 horas, en formato en liña. O formador será o experto en redes e mercadotecnia Javier Rocamora.
O obxectivo é “capacitar aos asistentes no uso de ferramentas de intelixencia artificial para optimizar os tempos de produción e deseñar campañas publicitarias de alto impacto visual e conversivo de forma áxil”. Está dirixida a pemes autónomos e emprendedores.
Inclúe os seguintes contidos: introdución á IA xenerativa e o seu uso en publicidade, creación dunha campaña coa axuda da IA (consellos útiles), pautas para a creación dun anuncio eficaz, ferramentas de IA integradas nas plataformas publicitarias principais, creación e mellora de imaxes e vídeos de produto, creación de variacións de texto e ferramentas específicas de IA que podemos usar en publicidade dixital.
A persoa encargada de impartir a formacións é Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 en Punto.
Esta xornada está co-financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Concello de Santiago de Compostela.