A Xunta incorpora novas funcións na ferramenta de IA que reforza a orientación na FP
mércores, 3 de xuño do 2026
A Xunta de Galicia presentou as novas funcionalidades de OPI Orienta, a ferramenta estreada o pasado curso e que emprega a intelixencia artificial para facilitar a orientación profesional.
Con este obxectivo, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou nas III Xornadas de Información e Orientación Profesional 2026, celebradas no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago de Compostela, onde se expuxeron estas novidades dirixidas ao profesorado do ensino dedicado a estas funcións moi importantes para o apoio aos estudantes.
Pérez destacou que a mellora desta ferramenta procura que os orientadores “acompañen ás persoas nas súas decisións, ao tempo que dispoñen de máis recursos para dar a coñecer a versatilidade da FP”.
Engadiu que “as novas prestacións da aplicación están dirixidas a optimizar, facilitar a consulta da oferta formativa, a localización de centros e modalidades, o acceso aos procesos de admisión e matrícula e a exploración de itinerarios académicos e profesionais”.
Entre as principais novidades, OPI Orienta centraliza nun único espazo a información, integrando xestión do coñecemento, intelixencia artificial e xeración automática de informes. Isto permite rexistrar datos, conservar o historial das actuacións realizadas, elaborar itinerarios personalizados e aportar recomendacións ao longo do proceso de acompañamento. No ámbito documental, incorpora un sistema de xestión multinivel que centraliza convocatorias, instrucións, normativa, prazos e outros recursos habitualmente dispersos en diferentes canles.
A directora xeral enmarcou esta actuación no novo Plan Innova FP Galicia 2030, dotado con case 30 millóns de euros, destinado a modernizar a Formación Profesional e reforzar a I+D+i aplicada nestas ensinanzas e aliñalas cos obxectivos da Comunidade.
