Convocada primeira edición do Concurso de Curtas co Móbil

martes, 15 de novembro do 2011 Redacción

As secretarías xerais de Medios e Modernización informaron esta semana da posta en marcha da primeira edición do Concurso de Curtas co Móbil, un certame dirixido á mocidade galega de Secundaria e de Bacharelato co obxectivo de estimular o seu pulo creativo a través dunha ferramenta de rodaxe económica, dispoñible e plenamente útil: o seu teléfono. O concurso, cuxo prazo de inscrición se abre este 15 de novembro (co 19 de febreiro como data límite para a recollida de curtas), vén da man da rede de centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, rede CeMIT, por iniciativa das aulas CeMIT dos concellos de Vimianzo e Abegondo.
O concurso, que se convoca a través do sitio da Secretaría Xeral de Modernización na rede social Facebook, compleméntase cos seguintes obxectivos: fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no eido da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos.
Neste I Concurso de curtas realizadas co móbil os mozos da ESO e Bacharelato que teñan entre 14 e 20 anos poderán participar, de xeito individual ou colectivo, e amosar “a súa destreza cinematográfica coa gravación de curtas orixinais cunha temática que exprese aqueles valores e ideas relacionadas coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá”.
Os estudantes que desexen participar nesta iniciativa contarán coa axuda activa da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT. “Neste programa”, informan fontes da rede, “implícase tanto ao alumnado -como creador das curtametraxes-, como aos centros educativos -como titores dos alumnos participantes e facilitadores das inscricións das curtas que os representarán-, e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados ao concurso”.
Unha vez recollidos todos os vídeos participantes, subiranse a internet para someterse á votación mediante o sistema Gústame de Facebook a partir do 7 de marzo de 2012.
Tanto os alumnos das obras seleccionadas coma o centro educativo ao que representan poderán optar a unha serie de premios, tanto a nivel provincial como autonómico. Así, o centro educativo gañador a nivel provincial será obsequiado cunha cámara dixital compacta e o equipo gañador recibirá ata un máximo de 5 iPod, que poderán ser distribuídos, a criterio do titor, no caso de que o grupo que presenta a curtametraxe estea formado por un número superior de integrantes.
A nivel autonómico entregaranse distintos premios aos centros educativos gañadores: no caso de quedar en primeiro lugar, o premio consistirá nun Netbook; e no caso de quedar en segunda posición o premio será unha videocámara.
Os alumnos e centros educativos interesados en participar neste concurso poderán inscribirse na aula CeMIT máis próxima ou a través da web www.cemit.xunta.es. As bases completas da iniciativa poderán consultarse en http://www.facebook.com/imitxunta.