BTjunkie bota o peche de xeito voluntario

luns, 6 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Despedida que pode lerse na web de BTjunkie

O considerado como o meirande buscador de contidos compartidos a través da plataforma P2P BitTorrent, BTjunkie, sorprendeu cunha mensaxe de despedida na súa páxina de entrada, de xeito que este servizo nacido en 2005 opta polo seu peche voluntario e desexa o mellor aos seus usuarios. O fundador de BTjunkie asegura que as medidas legais contra outros espazos de intercambios de arquivos como Megaupload e The Pirate Bay motivaron esta difícil decisión, aínda que tamén afirma que confía en que outras webs de BitTorrent continúen en activo.
Ata o momento BTjunkie non fora obxecto de ataques por parte da industria audiovisual, pero hai poucos meses apareceu en listaxes de páxinas web que facilitaban a infracción de copyright segundo a industria discográfica e cinematográfica nos EE.UU. e incluso a palabra BTjunkie fora censurada en Google dentro dos termos de busca, polo que o peche preventivo parecía unha reacción bastante atinada por parte dos seus responsables.

PUBLICIDADE