A Xunta aposta polo uso de drons para unha mobilidade urbana sustentable
xoves, 17 de decembro do 2020
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia
Argerey Vilar, participou esta tarde nunha mesa redonda sobre o futuro da
mobilidade urbana sustentable organizada polo colectivo Ellas vuelan
alto que integra a mulleres expertas e de referencia no sector
aeroespacial.
Na súa intervención, Argerey apuntou que o uso extenso dos
drons para o transporte de mercadorías ou de persoas nas cidades precisa dun
avance moi relevante, tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación que afecta
ao uso do espazo aéreo. No entanto, a directora de Gain informou de que desde a
Xunta se está a traballar para dotar a Galicia dunha infraestrutura única para
facilitar un entorno seguro de probas que permita avanzar de xeito paralelo
tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación.
En concreto, a directora da Axencia Galega de Innovación
destacou o proxecto Galician Skyway, que acaba de rematar, e no que a Xunta e
Boeing traballaron conxuntamente no marco do Polo Aeroespacial de Galicia no
desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade
do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. Este proxecto achega
solucións a situacións clave identificadas neste ámbito que son fundamentais
para o despegue definitivo do segmento dos UAV. Entre os fitos acadados neste
proxecto destaca a instalación en Rozas dun laboratorio de simulación de
continxencias en voo para UAV, que sitúa ao Centro de Investigación Aeroportada
de Rozas (CIAR) como unha infraestrutura científico-tecnolóxica de referencia
no ámbito da I+D+i en vehículos non tripulados.
Para complementar esta infraestrutura, o Centro para el
Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) lanzará proximamente unha
licitación para dotar a Rozas dun simulador de xestión de tráfico aéreo
U-Space. O concepto U-Space refírese ao sistema de xestión de tráfico aéreo non
tripulado deseñado pola Unión Europea para dar resposta aos novos paradigmas do
transporte urbano. O conxunto de infraestruturas de simulación das que se
dotará o CIAR permitirán operar ao centro como unha infraestrutura de
referencia de soporte ao desenvolvemento en paralelo da tecnoloxía e da
regulación co obxectivo de ampliar o mercado de usos civís dos drons e acelerar
a xeración de actividade económica e industrial arredor deste sector.
Argerey anunciou que estes proxectos terán continuidade no
próximos cinco anos a través dun novo período de programación do Polo
Aeroespacial de Galicia que, cunha previsión de investimento público-privado de
máis de 160 millóns de euros, tratará de transformar os resultados tecnolóxicos
acadados en desenvolvemento industrial e crecemento económico a longo prazo.
A directora de Gain tamén puntualizou que os retos da
mobilidade non se circunscriben exclusivamente á contorna urbana, senón que no
ámbito rural tamén atopamos desafíos importantes como o transporte de
paquetería ou a asistencia médica. Por último, apuntou que Galicia está a
traballar xa nos proxectos para captar fondos europeos Next Generation, entre
os que teñen un papel protagonista o sector aeroespacial e a mobilidade
sustentable.