Un investigador de atlanTTic dirixirá un proxecto europeo de comunicacións por satélite
luns, 17 de outubro do 2022
O investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación
en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Francisco
Díaz; dirixirá nos vindeiros catro anos un proxecto europeo para mellorar o
funcionamento e a comunicación dos satélites empregando microondas fotónicas.
Díaz é un dos máis importantes investigadores en fotónica integrada e este novo
proxecto Marie Curie dentro do programa Horizonte Europa da UE é o terceiro que
dirixe o tamén profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da
Universidade de Vigo.
MicroWave Photonic Technologies for
Communications and Sensing Applications in Space (MWp4SPACE), nome que recibe o
programa, encargarase de formar á futura xeración de especialistas en
dispositivos e sistemas integrados empregando microondas fotónicas no eido
aeroespacial. “Trátase dun programa de formación que permitirá crear unha rede
de profesionais capaces de atender os retos dunha tecnoloxía como son as
microondas fotónicas integradas cunha gran demanda na industria aeroespacial”,
aclara o investigador, “xa que ao estar integradas nun chip teñen menor tamaño,
peso e consumen menos que o equipamento de satélite existente actualmente”. Ademais,
continúa Díaz, “integran múltiples dispositivos e funcionalidades nun so chip e
teñen maior rendemento e facilitará a creación de novos sensores para observación
da Terra (imaxes, vídeos, sensores infravermellos, etc) e comunicacións entre
satélites e satélite-Terra. Destas vantaxes obteranse beneficios para os
usuarios finais en forma de mellores sistemas de localización (GPS e Galileo),
comunicacións mais avanzadas, mellores modelos de clima ou predición de modelos
da Terra”.
Este novo proxecto sitúa a atlanTTic no
centro da tecnoloxía fotónica integrada e amplía as futuras oportunidades para
os investigadores deste centro. “Levamos anos traballando desde Vigo con outras
universidades especializadas nesta tecnoloxía como a Politécnica de Barcelona ou
a de Valencia, compartindo coñecemento e resultados e creando unha rede de
colaboración que definirá a axenda dos investigadores españois especializados nunha
tecnoloxía que está a medrar significativamente en Europa e que xa está por diante
doutras potencias en investigación, como
é Estados Unidos”, sinala Díaz.
As habilidades que deberán desenvolver estes
futuros especialistas permitirán crear redes seguras e reconfigurables tanto
con satélites próximos á superficie da Terra como son os LEO (Low Orbit Earth)
e os MEO (Medium Orbit Earth) para comunicacións por satélite e observación da
Terra.
O programa MWP4SPACE está dirixido polo
investigador de atlanTTic pero participan nel outras cinco universidades europeas (DCU Dublin City University,
Mbryonics, CNIT - Consorzio Nazionale Interuniversitario per le
Telecomunicazioni-, Scuola Universitaria Superiore Pisa - Sant’Anna e
University College Cork), unha institución académica sen ánimo de lucro (Tyndall
National Institute ) e nove empresas que son referencias mundiais en fotónica e
tecnoloxías espaciais (Alter Technology, Ghent University, III-V Lab,
CamGraPhIC, VPI Photonics, Pilot Photonics, Antwerp Space, Université de Rennes
e Thales Alenia Space).