A RAGC convoca as Medallas de Investigación

venres, 7 de xullo do 2023 Redacción

A Real Academia Galega de Ciencias convoca as Medallas de Investigación, galardón que recoñece traxectorias senlleiras en investigación, ao tempo que fomenta a promoción da ciencia e a tecnoloxía en Galicia co fin de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Estas medallas valoran a traxectoria consolidada de científicas e científicos en activo, cuxa actividade se desenvolveu maioritariamente na nosa comunidade.
Outorgaranse cinco medallas de investigación, unha por cada sección da RAGC: Medalla Ángeles Alvariño González no ámbito da bioloxía e ciencias da saúde; Medalla Isidro Parga Pondal en ciencias técnicas; Medalla Antonio Casares Rodríguez no eido da química e xeoloxía; Medalla Domingo García-Sabell Rivas no das ciencias económicas e sociais; e a Medalla Enrique Vidal Abascal en matemáticas, física e ciencias da computación. O prazo da convocatoria estará aberto até o 18 de setembro.
As propostas poderán ser presentadas por dez profesores ou por departamentos, institutos ou centros de investigación galegos, podendo ser avaladas conxuntamente por máis dunha entidade. Incorporaranse ademais as propostas de candidatas e candidatos dos tres anos anteriores. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora, así como un currículo abreviado da candidata ou candidato.
Cada unha das seccións da RAGC proporá tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á Xunta de Goberno da Academia, que valorará tres dimensións: a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas; a capacidade de formación e a creación de liñas de traballo e de escola de investigación; e o impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en proxectos e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional. O premio poderá declarase vacante en calquera das seccións, pero non poderá ser compartido.