O CITIC contribúe coa misión Euclid, que vén de publicar as primeiras imaxes do seu telescopio espacial
mércores, 8 de novembro do 2023
- Imaxe da galaxia espiral IC 342
A misión espacial
Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA), lanzada o 1 de xullo, revela
finalmente as súas primeiras imaxes do universo a todo cor. Nunca antes un
telescopio espacial fora capaz de obter imaxes astronómicas tan nítidas nunha
rexión tan ampla do ceo e a unha distancia tan afastada, ata 10.000 millóns de
anos luz. Son cinco imaxes que ilustran o potencial de Euclid e demostran que o
telescopio está listo para crear o mapa 3D máis extenso do universo ata a data.
A contribución
española á carga útil do telescopio Euclid organizouse ao redor de dous polos
que se incorporaron ao consorcio científico en 2010. Por unha banda, o
Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC), o Instituto de Física de Altas
Enerxías (IFAE), o Instituto de Estudos Espaciais de Cataluña (IEEC) e o Porto
de Información Científica (PIC), foron responsables do deseño, construción,
ensamblaxe e test de validación da roda de filtros do instrumento NISP, así
como das simulacións cosmolóxicas da misión. Por outra banda, a Universidade
Politécnica de Cartaxena (UPCT) e o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC),
encargáronse da unidade electrónica que controla o instrumento NISP e o seu
software de arranque, ademais de participar en varios equipos de preparación da
explotación científica dos datos do telescopio. Ademais, en máis de 20
institucións españolas hai ao redor de 100 científicos/as preparando a
explotación científica da misión para desentrañar os misterios do universo
escuro.
Participación do CITIC da UDC
- Carlos Dafonte
Entre eles, destaca o labor levado a cabo por un grupo de investigación do CITIC liderado por Carlos Dafonte, Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial, que se uniu a Euclid en 2022, un ano antes do lanzamento do satélite. A súa misión dentro do consorcio de máis de 2.000 investigadores de toda Europa consiste en estudar os datos recolleitos polo instrumento infravermello NISP-SPEC para separar obxectos estelares de galaxias, e contribuír a caracterizar as estrelas máis frías e obxectos subestelares como exoplanetas da Vía Láctea.
Estender a misión Gaia
- Minia Manteiga
“Euclid abre unha
xanela sen precedentes ao Universo escuro e frío, e vainos a permitir estender
unha parte do cartografado de Gaia ás estrelas máis frías da Vía Láctea e a
outros obxectos como ananas marróns ou planetas, que Gaia dificilmente pode
observar”, indica Minia Manteiga,
investigadora do CITIC. É interesante observar que mentres a nosa galaxia
contén 100 mil millóns de estrelas, das
cales Gaia detecta un dous mil millóns, o noso Universo visible contén ao redor
de 100 mil millóns de galaxias, das cales Euclid tomará imaxes de
aproximadamente 2 mil millóns.
“Queremos
utilizar os algoritmos de IA desenvolvidos polo noso grupo para contribuír á
análise da información recollida polo telescopio espacial, en particular para
distinguir e separar as observacións procedentes das estrelas da Vía Láctea das
que proveñen de galaxias afastadas puntuais” comenta Carlos Dafonte. O grupo
galego forma parte do chamado Legacy Survey que ten como obxectivo procesar a
información en conxunto do Survey e proporcionar información astrofísica
relevante a partir das observacións.
Investigar a materia e a enerxía escura
- Imaxe da nebulosa Cabeza de Cabalo
A misión ten por
obxectivo investigar a materia escura e a enerxía escura, que compoñen o 95% do
cosmos. Aínda non se descubriu a natureza destas, xa que a súa presenza causa
cambios sutís na aparencia e movementos do universo observable. Para revelar a influencia
da materia e enerxía escuras no universo visible, durante o próximos seis anos
Euclid observará as formas, distancias e movementos de miles de millóns de
galaxias nun radio de ata 10.000 millóns de anos luz. Así, creará o mapa
tridimensional do universo máis grande ata o de agora. O rexistro do cosmos que
fai Euclid é excepcional pola súa capacidade para crear unha imaxe visible e
infravermella notablemente nítida nunha gran rexión do ceo dunha soa vez.
As imaxes
publicadas hoxe reflicten esa capacidade especial de Euclid: as observacións
mostran a totalidade dos obxectos celestes, desde estrelas brillantes ata
galaxias débiles, sen deixar de ser extremadamente nítidas, mesmo cando se fai
zoom sobre galaxias distantes.
Novos descubrimentos por chegar
- Imaxe do clúster de galaxias Perseo
Cada imaxe contén
individualmente unha gran cantidade de información nova sobre o universo
próximo. "Nos próximos meses, os científicos do Consorcio Euclid
analizarán estas imaxes e publicarán unha serie de artigos científicos na
revista Astronomy & Astrophysics, xunto con artigos sobre os obxectivos
científicos da misión Euclid e o rendemento do instrumento", engade
Yannick Mellier, líder do Consorcio Euclid.
Durante seis
anos, Euclid estudará un terzo do ceo cunha precisión sen precedentes. A medida
que avance a misión, o banco de datos de Euclid publicarase unha vez ao ano e
estará dispoñible para a comunidade científica mundial a través do Arquivo Científico de Astronomía
aloxado no Centro Europeo de Astronomía Espacial da ESA en España.
Vídeo explicativo da misión Euclid