A Xunta aprobou un convenio para o financiamento dos centros de investigación singulares das nosas universidades

xoves, 10 de outubro do 2013 Redacción

Tras o Consello da Xunta desta mañá, o presidente Alberto Núñez Feijoo destacou a aprobación por primeira vez dun financiamento específico para os centros de investigación de alto nivel das universidades e confiou na súa contribución ao desafío a prol da innovación, declaracións feitas co gallo da autorización dun convenio de colaboración entre as tres universidades para o financiamento dos centros de investigación singulares, a través do que recibirán un total de 3,6 millóns de euros.
O presidente da Xunta explicou que os centros de investigación singulares son aqueles que contan cunha Agrupación Estratéxica, é dicir, cunha estrutura organizativa de investigación superior ao grupo de investigación ordinario co obxectivo de desenvolver unha actividade estable, planificada e “do máis alto nivel”.
As universidades e a Xunta de Galicia, asegurou Feijoo, son conscientes do protagonismo que se lle concede tanto desde a Comisión Europea na Estratexia Europa 2020 como na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS 3), que o Goberno galego aprobará e remitirá definitivamente ao Comité de Rexións, ao comisario de Fondos, e tamén ao Executivo central.
En concreto, apoiarase (cunha contía de 450.000 euros para cada un) a 8 centros: o CITIC, da Universidade da Coruña; o CIMUS, o CIQUS e o CITIUS, da Universidade de Santiago; e o AtlanTIC, o ECIMAT, o CIA e o CINBIO, da Universidade de Vigo. E o convenio asinado cubrirá parte dos gastos de funcionamento operativo dos centros de investigación necesarios para desenvolver a súa actividade.
Por último, para o funcionamento dos centros e de forma adicional a este convenio, a Xunta destinará, ademais, ata 2015, preto de 16,7 millóns para os grupos de investigación, a través de 4 convocatorias dirixidas aos Grupos de Referencia Competitiva, Redes e Agrupacións Estratéxicas, Grupos de Potencial Crecemento e Proxectos de Investigadores Emerxentes.

PUBLICIDADE