Sony deixa de distribuír unidades da PS2 no Xapón

venres, 28 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O 4 de marzo de 2000 foi a data na que chegou ao mercado xaponés a PlayStation 2, consola chamada a repetir o éxito da primeira PlayStation, e que só pola súa marca conseguiu eclipsar totalmente á Dreamcast de SEGA á vez que contribuíu á popularización do DVD como soporte (algo que non foi quen de facer a PS3 co Blu-ray) e que segundo a revista Famitsu está a dicir adeus no seu primeiro mercado, deixando Sony de remitir novas unidades as tendas.
Pese a que a PS3 xa leva no mercado nipón dende 2006, a PS2 conseguiu manter unha forte presenza comercial ata hai moi pouco, e incluso este ano contou con xogos como Pro Evolution Soccer 2013 e FIFA 13, aínda que é comprensible que Sony queira quitar do mapa a súa vella consola, pois agárdase que de cara ao Nadal de 2013 estrea a que podería ser a súa PlayStation 4.
Nestes máis de 12 a PlayStation 2 vendeu máis de 155 millóns de unidades dos seus distintos modelos (lembremos que no outono de 2004 a PS2 estreou un modelo Slim, marcando un camiño que máis adiante seguirían outros consolas como a PS3 e a propia Xbox 360). Hai un par de anos tamén chegamos a ver nas tendas un televisor BRAVIA que integraba unha PS2, o que era unha interesante solución para mesturar televisor, videoxogos e DVD nun único dispositivo, o que serve de exemplo da popularidade da que aínda gozaba a vella PS2 a máis de 10 anos do seu lanzamento.

PUBLICIDADE