Stellar Blade chega a PS5 como xogo exclusivo

venres, 26 de abril do 2024 Marcus Fernández

Por fin chega ás tendas Stellar Blade, un dos xogos exclusivos para PlayStation 5 máis agardados da tempada e con mellores críticas, aínda que nalgúns territorios estivo rodeado de certa polémica debido á percepción social da sobresexualización dos seus personaxes femininos, pois estamos ante un título da compañía coreana Shift Up, con canons estéticos que para o público occidental poden provocar certo rexeitamento.
Stellar Blade é un xogo de acción en terceira persoa que moitos comparan con Sekiro: Shadows Die Twice, pero que nesta ocasión ten unha protagonista feminina, EVE, quen ten que salvar a humanidade recuperando a Terra de mans dunha forza malvada que a devastou: os Naytibos.
O xogo presenta un mundo postapocalíptico con contornos inspirados na ciencia ficción, nos que se desenvolve unha narrativa con temas maduros que convidan á reflexión, de xeito que non estamos nun simple xogo de destruír a todo o que se nos poña diante.
Cómpre advertir de que o xogo ten dous niveis de dificultade, pois as súas mecánicas de ataques, defensa e evasión precisan dun grande nivel de habilidade e son todo un desafío, polo que podemos optar por gozar dunha versión accesible do xogo ou por enfrontalo como un grande reto.

Tráiler de lanzamento de Stellar Blade

PUBLICIDADE