Sony rebaixa a PS3 e presenta unha PSP máis económica

martes, 16 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Bota a andar en Colonia unha nova edición da Gamescom, e Sony sorprendeu por encadear multitude de anuncios relativos ao seu hardware, comezando por anunciar que a PlayStation 3 con disco duro de 160 Gb que actualmente estaba á venda por 299,99 euros pasará a custar 249,99 euros, o que supón un prezo moi atractivo para unha consola de alta definición, con reprodutor de Blu-ray e con soporte de 3D.
Pero non é a única rebaixa, senón que a PSP, en vista de que está a vivir a súa fin de ciclo, renóvase co modelo E-1000, que modifica lixeiramente o seu acabado e prescinde de conectividade Wi-Fi, o que permite reducir o seu prezo ata os 99,99 euros.

A PSP E-1000 carecerá de conectividade Wi-Fi, pero custará menos de 100 euros

A esta consola portátil acompañaraa a ampliación da familia de xogos PSP Essentials, que por só 9,99 euros contará con títulos como Invizimals: The Lost Tribe, EyePet Adventures e FIFA 12 entre outros.
Durante o evento de Sony tamén presentaron unha interesante oferta de Sony para popularizar as 3D, que sería un televisor 3D de 24 polgadas que custaría 499 euros e incluiría 2 pares de lentes 3D, e sería compatible coa nova funcionalidade de simul-view, ou sexa, que algúns xogos en vez de aproveitar esta tecnoloxía para achegar imaxes aos ollos esquerdo e dereito, repartirían as imaxes entre 2 xogadores fuxindo así da pantalla partida para as competicións multi-xogador.

Jim Ryan, presidente e director executivo da división europea de videoxogos de Sony, adiantou algúns detalles da PS Vita durante a Gamescom

Non faltaron múltiples anuncios de xogos para a PS Vita, aínda que unha das funcionalidades que serán máis rechamantes da portátil de Sony que chegará a Europa a primeiros de 2012 é que gozará de aplicacións sociais coma Facebook, Twitter, Skype e Foursquare, o que xa de por si xustifica o xeito de que exista unha versión da consola con conectividade 3G, e que supón un importante achegamento ao mercado que actualmente están a tomar os smartphones, pondo en perigo a supervivencia das consolas portátiles a longo prazo, de aí que dende Sony reaccionen dende distintos ángulos (lembremos que Sony Ericsson tamén ten móbiles como o Xperia Play, orientado aos xogos).

O novo televisor 3D de Sony venderase a un prezo axustado con 2 pares de lentes

PUBLICIDADE