Skybound completará o desenvolvemento do xogo de The Walking Dead

luns, 8 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O peche do estudio de videoxogos Telltale Games está a ser moito peor do esperado, e aínda que tras os despedimentos masivos que deixaban só a 25 traballadores para poder responder ás obrigas contractuais da compañía, varios destes últimos empregados saíron á palestra para denunciar que continuaban os cesamentos dentro da moribunda compañía, de xeito que parecía claro que non ían poder cumprir cos compromisos contraídos nos últimos meses.
Por fortuna para os que levan xogando a The Walking Dead dende 2012, xogo do que vén de publicarse o segundo capítulo da derradeira tempada, Skybound Games anunciou que vai chegar ao rescate, ou sexa, que chegou a un acordo con Telltale Games para continuar o traballo en The Walking Dead: The Final Season e así que a historia de Clementine poida narrarse até o final.
Aseguran que para o remate deste videoxogo participará parte do equipo orixinal de Telltale, e aínda que polo momento non dan detalles sobre como farán para publicar os episodios restantes (de feito, retirouse da venda o xogo en formato físico que tiña que incluír os dous primeiros capítulos no disco cun código de descarga para o resto), pero o anuncio de que a obra chegará a bo porto está a ser ben recibido por seareiros da serie e incluso por moitos dos traballadores involucrados no seu desenvolvemento durante todos estes anos, para os que a produción quedase inacabada resultaría frustrante despois de tantos anos de sacrificios.

PUBLICIDADE