Satdata explica as claves do seu sistema de control para emerxencias, a proba de catástrofes

xoves, 17 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A empresa galega Satdata Telecom, que leva anos especializándose en ofrecer recursos para o control e xestión de flotas a través de GPRS (telefonía celular) e de ORBCOM (comunicación satelital), vén de subir un novo chanzo na súa achega. E faino co fin de que ese labor de control e xestión sexa aínda máis seguro e eficaz. Dito doutro xeito e cun exemplo concreto: para que unha empresa, institución ou organismo que teña entre mans unha emerxencia poida ver dende un posto de mando onde se atopan os efectivos e dirixilos cara a un lugar seguro. Isto, con tecnoloxía celular ou radio analóxica era ata o de agora imposible de acadar. Polo tanto, porque agora si? A resposta, aínda que dun xeito incompleto, xa foi avanzada hai uns días nesta mesma web: con DMR.
Este desenvolvemento, un estándar ETSI de Motorola, está a ser empregado agora por Satdata para o seu sistema de xestión e control. A tecnoloxía DMR (Digital Mobile Radio) confírmase así como o lente que precisaban os clientes da empresa galega para ver máis lonxe e sen atrancos.
Co fin de recadar máis información sobre a ferramenta, falamos con José Antonio Ferreira, presidente de ITC Grupo, ó que pertence Satdata. Ó seu xuízo, cun desenvolvemento coma este ata se poderían ter evitado desgrazas como o incendio acontecido en 2005 na provincia de Guadalaxara, onde faleceron once persoas cercadas polo lume
-Basicamente e para que o entendan os nosos lectores, en que consiste a tecnoloxía DMR (ETSI TS 102 361)? Que queren dicir as súas siglas?
-DMR son as siglas de Digital Mobile Radio. DMR é a evolución da tecnoloxía PMR (Private Mobile Radio), que constitúe o antigo estándar de radio (o usado, por exemplo, pola Policía). O PMR derivou (do mesmo xeito ca outros procesos de dixitalización coma a televisión ou o teléfono móbil) na dixitalización, e dicir, no DMR. Este é o primeiro estándar ESTSI de radiocomunicación privada dixital two way radio.
-É vosa esta tecnoloxía ou é unha adaptación de outra existente?
-A tecnoloxía DMR é un estándar ETSI desenvolvido por Motorola. A innovación que achega Satdata Telecom consiste en que a empresa galega usou este desenvolvemento como medio de transporte dos datos que Satdata (o noso sistema de xestión e control de flotas) precisa para situar os efectivos móbiles na cartografía, ou para transportar os datos que fan posible a xestión das flotas.
Polo tanto, a gran vantaxe de todo isto radica en que a solución Satdata, grazas o seu funcionamento sobre DMR, ofrece a posibilidade de ser empregada en dispositivos de emerxencias (deste xeito poderanse evitar desgrazas como as acontecidas hai uns anos nun incendio en Guadalaxara onde quedou atrapado un equipo de loita contra estes desastres). En situacións semellantes, Satdata sobre DMR permite ver dende un posto de mando onde se atopan os efectivos, e incluso pode dirixilos para evitar que se poñan en perigo; algo que con telefonía celular ou radio analóxica é hoxe imposible de acadar...
-E logo?
-É imposible porque en condicións adversas coma as que se viven en momentos de emerxencias, a telefonía celular fica decote sen cobertura, e a velocidade de transmisión de datos da radio analóxica non o permite. Polo tanto, Satdata vén de incorporar á súa plataforma de xestión de flotas a transmisión de información a través de DMR, complementando así a transmisión a través de GPRS (telefonía celular) e de ORBCOM (comunicación satelital), xa dispoñibles, e traballando sen interferencias.
-Como se aplicaría esta tecnoloxía DMR na xestión e control de efectivos móbiles? Cando falades de efectivos móbiles falades de camións, furgonetas, automóbiles, ambulancias e demais?
-A tecnoloxía DMR permite a comunicación por voz e a transmisión de datos (o posicionamento, a mensaxeiría, e a información de xestión) a través dunha rede de alta dispoñibilidade. Isto resulta vital para a coordinación de flotas dedicadas a emerxencias.
O desenvolvemento DMR é efectivo nos dispositivos móbiles (camións, furgonetas, ambulancias) pero sobre todo nos dispositivos portátiles (carretados por persoas). As persoas poden levar sobre elas un robusto equipo especialmente indicado para traballar en situacións extremas (resisten a calor e o frío, poden ser mergullados baixo a auga ou mesmo ser obxecto de fortes golpes) o que os fai moi axeitados para bombeiros, policías, exercito, axentes de aduanas, mariñeiros, etc. Amais disto, teñen cobertura constante, e transmiten de xeito permanente a súa posición.
-Polo tanto, a quen iría destinada principalmente esta ferramenta?
-Pois, como vimos dicindo, esta ferramenta está especialmente indicada para todos aqueles colectivos que se poidan atopar na súa xornada laboral con algunha situación de emerxencias: bombeiros, policías, servizos de detección e extinción de incendios, garda civil, protección civil, ambulancias, etc…
-Dicides que as comunicacións, coa tecnoloxía DMR, nunca poden ficar cortadas. Como se acada iso?
-O DMR achégalle a Satdata unha canle de comunicación máis rápida, e, o que é máis importante: unha canle de comunicación dedicado. Isto, entre outras cousas, garante que incluso en situacións extremas (por exemplo, nun atentado terrorista) nas que as comunicacións habituais fican cortadas por motivos de seguridade, a nosa rede de comunicación seguirá operativa. Isto faise realidade porque estamos a falar dunha rede privada e cen por cen dirixida as comunicacións profesionais e de emerxencias.
-Como está a ser acollido este desenvolvemento en Galiza? Atopades máis apoio dende o público ou dende o privado?
-A acollida é realmente boa. Cando o presentamos ofrecemos sempre a posibilidade de empregar o sistema en proba uns días. A reacción sempre é a mesma: os usuarios fican abraiados coas grandes vantaxes que obteñen con respecto ós sistemas de comunicación que usan decote. Neste intre estamos en proceso de ofertala ás Administracións. Temos como reto nos vindeiros meses que a Consellería de Presidencia, da que depende o ente Protección Civil, poida probar Satdata DMR. Satdata xa tivo gran acollida por parte das institucións públicas e as empresas privadas na súa versión sobre tecnoloxía GPRS, e estamos seguros de que acadaremos os mesmos resultados ou –seguramente- mellores coa aplicación sobre tecnoloxía DMR.