Samsung actualiza os Galaxy Buds

martes, 20 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Para facer máis práctica a solución de tradución automática mediante intelixencia artificial dos novos Samsung Galaxy S24, o fabricante surcoreano anuncia actualizacións para os auriculares Galaxy Buds, de xeito que cando gozamos da función de Intérprete, o usuario escoitará polos auriculares a tradución do que di o seu interlocutor, mentres que as súas palabras traducidas escoitaranse a través do altofalante do teléfono, facilitando así o xeito de manter unha conversa (sen ter que andar pasando o móbil dun interlocutor a outro).
Estas actualizacións dos Galaxy Buds non quedan aí, senón que tamén melloran a conectividade no ecosistema de Samsung. Por exemplo, mentres se está a empregar os auriculares cun televisor de Samsung e se recibe unha chamada de teléfono, os auriculares cambiarán automaticamente o smartphone, retomando a conexión co televisor cando a chamada remate (característica que agora tamén se amplía a ordenadores). Tamén se mellora o soporte de 360 Audio (para que os auriculares reaccionen aos movementos da cabeza co respecto do televisor, para conseguir unha maior inmersión) e amplían o soporte de Auracast, tecnoloxía que permite que televisores, tabletas e teléfonos poidan transmitir o sinal sonoro a varios dispositivos á vez.

Os Galaxy Buds2 Pro poden gozar do modo Intérprete dos Galaxy S24, de Auracast e de 360 Audio grazas á súa última actualización

PUBLICIDADE