Unhas lentes permitirán tirar proveito da IA no día a día

xoves, 8 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Estamos nun momento no que a IA está a dar lugar a moitas propostas de hardware innovadoras, ás que agora se incorpora Brilliant Labs coas súas lentes Frame, deseñadas para levarse como unhas lentes ordinarias (coa posibilidade de incorporarse cristais graduados) para poder gozar das prestacións dunha IA multimodal no día a día.
Este dispositivo, deseñado como código aberto, pode xa reservarse por 349 dólares (448 dólares no caso de contar con lentes graduadas) en 3 cores distintas, estimándose que os compradores comezarán a recibir os produtos a partir do 15 de abril.
Estamos ante un produto moi interesante, que integrará cámara (para rexistrar o que temos diante), micrófono (para escoitar o que digamos e a outras persoas no caso de querer traducir as súas palabras) e altofalantes, o que podería lembrarnos ás lentes de Meta, pero desta volta tamén temos unha pantalla micro OLED nun prisma que proxecta imaxes e texto en parte da lente, ocupando só unha parte do campo de visión, o que podería lembrarnos ás desaparecidas Google Glass (pero cun deseño moito máis discreto). Nesta caso entendemos que as funcionalidades do dispositivos execútanse nunha aplicación para o móbil (de xeito que non integra nin un potente procesador, nin ten que preocuparse pola conectividade móbil).
Estas lentes permitirían identificar o que temos diante mediante IA e describilo mediante texto que veremos nun dos seus cristais, podería servir para traducir tanto textos como voz (subtitulando a realidade), sería posible empregar esta tecnoloxía para informarnos do valor nutricional dos alimentos que imos inxerir e incluso permitiría realizar buscas na web mediante IA e mesmo xerar imaxes en función das instrucións que lle deamos. Un produto que non parece buscar ser un éxito comercial, senón sentar as bases dunha serie de dispositivos que permitan un uso natural da IA.

O dispositivo integra lentes, pantalla micro OLED (nun prisma), cámara, micrófono e altofalantes para conseguir un uso natural da IA.

Vídeo promcional das Frame de Brilliant Labs

PUBLICIDADE