En abril chegan os Samsung Galaxy A55 5G e A35 5G

luns, 11 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Os móbiles de gama media de Samsung que prometen ser os supervendas no que resta de ano veñen de presentarse oficialmente. Trátase do Galaxy A55 5G e Galaxy A35 5G, que pese aos seus prezos contidos contan con funcionalidades fotográficas avanzadas, pantallas que se adaptan ao contorno mediante Galaxy Booster e con funcións de seguridade como Knox Vault.
O Samsung Galaxy A55 5G chegará ao mercado con 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,6 polgadas cunha taxa de refresco de 120 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpízeles e estabilización óptica (acompañado cun ultra grande angular de 12 Mpíxeles e unha cámara macro de 5 Mpíxeles), cámara frontal de 32 Mpíxeles e batería de 5.000 mAh.
O Samsung Galaxy A35 5G reduce lixeiramente as súas especificacións, de xeito que o modelo básico vén con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento (pero tamén poderá adquirirse con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento), a súa cámara traseira mantén sensor principal (pero reduce o seu ultra grande angular a 8 Mpíxeles) e a cámara frontal confórmase con 13 Mpíxeles.
Está previsto que estea móbiles cheguen ao mercado o vindeiro 8 de abril, e até 28 de abril incluirán de agasallo coa súa compra uns auriculares Galaxy Buds FE.

PUBLICIDADE