Os novos móbiles de gama media de Realme chegan a España

xoves, 14 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Realme trae ao mercado español os seus novos smartphones de gama media máis completos, o Realme 12 Pro+ 5G e o Realme 12 Pro 5G, que destacan especialmente polo seu apartado fotográfico e pola súa coidada estética.
Ambos móbiles contan con pantalla OLED Full HD+ de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, NFC e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts. Aínda que as súas especificacións sexan bastante completas, resultan especialmente rechamantes polo seu deseño, cunha traseira en polipel e acabados inspirados nos reloxos de luxo, para dar a impresión de que estamos ante un dispositivo Premium.
O Realme 12 Pro 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 6 gen 1, 8/12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, cámara traseira tripla cun sensor principal Sony IMX882 de 50 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo 2x Sony IMX709 de 32 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 16 Mpíxeles. Aínda que prevese que o modelo con 8 GB de RAM custe 399 euros, e o de 12 GB de RAM teña un prezo de 499 euros, como oferta de lanzamento podemos adquirir o Realme 12 Pro 5G con 12 GB de RAM e 256 GB de capacidade por 399 euros (mentres que en Amazon permite adquirir o modelo con 8 GB de RAM por 369,99 euros aplicando un cupón de desconto).
Máis completo é o Realme 12 Pro+ 5G, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2, 8/12 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, cámara traseira tripla cun sensor principal Sony IMX890 de 50 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un teleboxectivo 3x de 64 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 32 Mpíxeles. O seu prezo oficial é de 499 euros para o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (que en Amazon pode adquirirse por 469,99 euros cun código de desconto), mentres que o modelo con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento venderase a un prezo oficial de 549 euros (499 euros coa oferta de lanzamento).

Vídeo promocional dos móbiles Realme 12 Pro

PUBLICIDADE