Chega ao mercado español o proxector LG CineBeam Q

venres, 15 de marzo do 2024 Marcus Fernández

De cara a CES de Las Vegas dende LG sorprenderon cun proxector de vídeo compacto con resolución 4K e un deseño tan elegante como orixinal que respondía ao nome de LG CineBeam Qube, e finalmente a compañía surcoreana decidiu sacalo á venda, pero simplificando o seu nome e deixándoo simplemente en LG CineBeam Q.
Falamos dun proxector capaz de xerar unha imaxe con resolución 4K de até 120 polgadas cunha relación de contraste 450.000:1, que conta cun sistema de axuste automático para que non resulte complexo configurar correctamente a súa xeometría e o seu enfoque ao colocalo en distintos espazos.
Este proxector no só ofrece unha grande calidade de imaxe, senón que tamén resulta moi práctico ao incorporar webOS, de xeito que se comporta como un Smart TV, podendo así achegar de xeito autónomo acceso a YouTube, Netflix, Disney+, Prime Video outras plataformas de streaming, así como tamén pode proxectar contidos achegados a través das tecnoloxías AirPlay 2 e Miracast.
O LG CineBeam Q está previsto que chegue ás tendas os vindeiros días, e quen se rexistre na páxina web do fabricante antes do vindeiro domingo poderá recibir un desconto adicional de 200 euros no produto, así como unha funda de coiro para o proxector.

PUBLICIDADE