Fujifilm X100VI: unha cámara compacta que pode controlarse mediante diais

martes, 20 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Fujifilm está a lanzar o último modelo da liña de cámaras dixitais X Series, a Fujifilm X100VI, que ofrece unha calidade de imaxe excepcional, un tamaño compacto e un corpo lixeiro, xunto coa lendaria tecnoloxía de reprodución de cores de Fujifilm.
Esta familia de cámaras naceu en 2011, conseguindo unha grande aceptación por mor do seu visor híbrido, un deseño sofisticado, un manexo intuitivo e alta calidade de imaxe cunha reprodución de cores única (sendo capaz de simular 20 das películas fotográficas de Fujifilm, conseguindo así un resultado clásico).
O X100VI é o modelo de sexta xeración na Serie X100. Mantendo un deseño popular e un tamaño compacto, o X100VI presenta o novo sensor X-Trans CMOS 5 HR de 40.2 Mpíxeles e o motor de procesamento de imaxe de alta velocidade X-Processor 5 para ofrecer alta calidade de imaxe e alto rendemento. Ademais, a función de estabilización de imaxe incorporada no corpo, desenvolvida recentemente con até 6 pasos, foi incorporada por primeira vez nun produto da Serie X100, mantendo ao mesmo tempo o tamaño compacto e o peso lixeiro característicos da serie que só aumentaron minimamente respecto ao modelo anterior, o X100V, permitindo aos usuarios gozar de fotografar co X100VI nunha ampla variedade de ambientes e situacións.
Esta cámara, cun deseño e un control que case poderiamos considerar retro, tamén conta cun panel LCD de 3 polgadas abatible até 45 graos e pode gravar vídeo 6,2K a 30 imaxes por segundo, 4K a 60 imaxes por segundo e Full HD a 240 imaxes por segundo (polo que ofrece unha grande flexibilidade nun peso moi contido). Tamén pode facerse resistente ás inclemencias do tempo mediante accesorios opcionais.
A Fujifilm X100VI chega ao mercado a finais de mes, coincidindo co 90º aniversario da súa marca, a un prezo recomendado de 1.799 euros, o que deixa claro que non está dirixido a un amplo público, senón para usuarios moi esixentes, que queren gozar da fotografía en formato compacto coa experiencia de uso propia de cámaras analóxicas (xa que o seu control está baseado en diais físicos, e os modos de simulación de película poden dar como resultado imaxes con acabados propios doutro tempo, á vez que se aproveitan funcións como a estabilización de imaxe no corpo ou a gravación de vídeo).

Vídeo promocional da Fujifilm X100VI

PUBLICIDADE