Os novos smartwatches de Pebble estrean versión con pantalla redonda

xoves, 16 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A un par de semanas do remate da campaña de micromecenado para financiar o lanzamento da nova xeración de smartwatches da marca Pebble, non só superan os 11 millóns de dólares recadados (cando só buscaban 1 millón), senón que dan un importante salto para facer máis atractivos os seus reloxos e presentan o Pebble Time Round, unha versión do seu smartwatch con pantalla de papel electrónico a cor que conta cunha esfera redonda con acabados en cor prata ou ouro (aínda que o chasis é de aceiro inoxidable).
Esta novidade na campaña de Kickstarter supón a aceptación da tendencia de facer o smartwatches máis semellantes aos reloxos tradicionais, e para poder facerse cun dos novos Pebble Time Round haberá que aboar 199 dólares, recibíndose o produto en setembro.
Estas edicións especiais dos reloxos de Pebble satisfán moitas das demandas dos usuarios por combinar unha estética clásica, unha pantalla sempre acendida, unha autonomía de máis de 2 días, monitorización da saúde, micrófono para funcións de voz e numerosas aplicacións. Amais, o formato do Pebble Time Round é o dun reloxo tradicional, de xeito que permite o seu uso con correas estándar de 20 milímetros, polo que pode personalizarse sen o elevado custo que teñen as correas orixinais doutros fabricantes.

PUBLICIDADE