Novo rato ultraportátil de Logitech

mércores, 10 de xuño do 2026 Redacción

Logitech anunciou o lanzamento de Mobi Fold, o seu primeiro rato encartable, deseñado para facilitar o traballo en desprazamento e resolver un dos principais inconvenientes dos profesionais móbiles: transportar un rato convencional sen sacrificar espazo nin comodidade. Podemos velo como unha alternativa ao xa clásico Surface Arc Mouse, que opta por aplanarse en vez de encartarse.
O mecanismo de encartado permite transformar o dispositivo nun rato de tamaño completo cun único movemento. Ao abrirse, acéndese automaticamente, mentres que ao pechalo apágase para aforrar batería. O sistema de desprazamento Adaptive Touch Scrolling permite alternar entre unha navegación precisa e un desprazamento rápido en documentos extensos, mentres que dous botóns configurables poden personalizarse mediante a aplicación Logi Options+ para executar funcións como cambiar de aplicación ou realizar capturas de pantalla.
Mobi Fold pode conectarse simultaneamente a ata tres dispositivos mediante Bluetooth (existindo tamén unha versión empresarial que inclúe un receptor Logi Bolt, o que incrementa o seu prezo en 5 euros). É compatible con Windows, macOS, ChromeOS, Android, iPadOS e Linux, facilitando o cambio entre equipos. Os clics silenciosos están pensados para traballar en cafeterías, bibliotecas ou outros espazos compartidos sen molestar aos demais usuarios.
Entre as súas características destaca a autonomía. Un minuto de carga proporciona ata 22 horas de funcionamento, mentres que unha carga completa permite alcanzar os 30 días de uso. O rato integra tamén un modelo de intelixencia artificial executado localmente que axuda a evitar clics accidentais durante o proceso de peche.
O novo rato comercializarase en acabados grafito e branco (estando tamén dispoñible unha versión en cor lila na tenda en liña do fabricante), e o seu prezo de venda é de 79,99 euros para a versión ordinaria, e xa está dispoñible en tendas (Amazon xa ten o produto para a súa entrega inmediata).

Coa compra do novo rato Logitech agasalla un estoxo de viaxe con peche magnético e cordón

Vídeo de presentación do Logitech Mobi Fold