Pebble presenta unha nova xeración dos seus smartwatches

martes, 24 de maio do 2016 Marcus Fernández

Unha vez máis a xente de Pebble parece alérxica a lanzar os seus produtos polas canles tradicionais, e volven estrear os seus novos trebellos conectados a través de Kickstarter, na que facilitan a compra anticipado do Pebble 2, o Pebble Time 2 (smartwatches con monitor cardíaco) e o completamente novo Pebble Core (trebello 3G de pequenas dimensións para saír a facer deporte gozando da música e do GPS sen ter que cargar co smartphone).
Os novos smartwatches de Pebble manteñen a súa filosofía habitual (smartphones multi-plataforma con pantalla de papel electrónico) pero reciben novas prestacións mantendo un prezo axustado. Así temos que o Pebble 2 sería un reloxo con pantalla de alto contraste en branco e negro, monitor cardíaco, micrófono, monitorización do sono, resistencia á auga e autonomía de até 7 días que parte dun prezo de 99 dólares e que os seus mecenas recibirán no mes de setembro; mentres que o Pebble Time 2 incluirá a maiores unha pantalla de cor un 53% máis grande e unha autonomía de até 10 días, incrementando o seu prezo até os 169 dólares e entregándose aos seus mecenas a partires de novembro.
O Pebble Core pola súa banda sería toda unha sorpresa, xa que sería un pequeno trebello que buscaría librar ao usuario de cargar co smartphone no brazo ou nun peto mentres se practica exercicio, mantendo ao usuario conectado para poder escoitar música (inclúe 4 GB de almacenamento interno onde almacenar as cancións que poden escoitar a través duns auriculares Bluetooth ou de cable), gravar notas de voz e sincronizar datos de GPS coas aplicacións máis populares (integra GPS). Ten conectividade 3G e o seu prezo parte dos 69 dólares e os seus envíos comezará en xaneiro de 2017. Como curiosidade Pebble tamén lanzará unha versión do seu Core para hackers, xa que permitiría transformar o Pebble Core nun botón máxico que empregar para funcións como abrir o portón do garaxe, acender as luces, abrir o coche, localizar ao can... xa que agocha no seu ordenador un sistema Android 5.0 que facilita o aproveitamento deste pequeno accesorio para usos que quedan para a imaxinación dos máis habilidosos e inquedos.
En calquera dos casos os prezos irán incrementándose segundo se vaian superando certas barreiras de venda, e serán claramente inferiores aos que terán os produtos finais cando se comercialicen os dispositivos de xeito tradicional (o que é un importante incentivo para facerse con eles anticipadamente).

PUBLICIDADE