Os nosos enxeñeiros informáticos achegan o seu apoio ao gran evento da tempada sobre tecnoloxías libres: LibreCon

mércores, 27 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional, vai desenvolverse os vindeiros 19 e 20 de outubro en Santiago, na Cidade da Cultura, da man de da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e de ASOLIF. Ademais, segundo puidemos saber, contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que estará un ano máis entre os patrocinadores do evento. Segundo nos lembra a entidade profesional que preside Fernando Suárez, o LibreCon deste ano céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía cooperativa.
O congreso, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumíbeis polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drones, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0.
A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovation durante dous días”.

PUBLICIDADE