Regresan os Amigus Labs con dúas sesións sobre edición de audio e vídeo con ferramentas libres
martes, 6 de outubro do 2020
Volven
os Amigus Labs das Pontes
os vindeiros 17 e 24 de outubro. Segundo informa a organización, a
Asociación Amigus, serán dúas charlas de produción e edición de
audio e vídeo con ferramentas libres. Realizaranse por streaming
e poderemos seguilas por Jitsi ou por YouTube.
A
primeira charla será o 17 de outubro, en horario de 11.00 a 12.30, e
comezará cunha introdución á creatividade de podcasting con
Audacity. Nesta sesión falarase sobre como está o panorama actual
da creación de arquivos radiofónicos online e sobre que
necesitamos para iniciarnos neste ámbito, tanto desde unha forma
low-cost como dun xeito máis profesional. Falarase tamén
sobre aparellos para gravación, software de gravación e edición,
plataformas onde aloxar o podcast, etc.
O
día 24 de outubro, no mesmo horario, organizarase unha introdución
á edición de vídeo con Shotcut. Nesta charla tocaranse temas como
os xeitos de iniciarnos na edición de vídeo, consellos para
mellorar as gravación, plataformas onde aloxar os nosos vídeos…
As
charlas son de balde e, como dixemos, poderanse seguir por Jitsi o
Youtube. De inclinarnos pola primeira opción deberemos rexistrarnos
no formulario habilitado na
web dos Amigus Labs, para recibir antes do inicio da charla a
ligazón de acceso á sala. En Jitsi poderemos participar dunha forma
máis interactiva na charla, mediante o chat ou micro poderemos
realizar preguntas. Se nos inclinamos por Youtube, Amigus publicará
nas redes sociais a ligazón para seguir a sesión o mesmo día da
charla.
Ademais,
este sábado 10 de outubro a asociación das Pontes organizará unha
xornada de portas abertas de 10:00 a 14:00 horas. “Se tes un
proxecto en mente, que sabes que pode facerse, pero que agora non
sabes como, tes a oportunidade de vir e coñecer a tecnoloxía que
temos a tua disposición así como compañeiros que te axudarán na
aprendizaxe e creación do proxecto”, informan dende Amigus.