Conseguen facer funcionar Linux nos novos Mac

xoves, 21 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Coa chegada dos novos ordenadores de Apple con procesadores M1 provocouse un grande cambio, xa que os Mac deixaban de ser compatibles con Windows e Linux, para quedar limitados a macOS, e aínda que levar legalmente Linux aos novos equipos sexa complicado, dende Corellium conseguiron facelo con éxito.
O equipo de Corellium leva facendo un seguimento do ecosistema móbil de Apple dende o iPhone 6, ou sexa, que realmente levan anos traballando co hardware de Apple para coñecer o seu funcionamento e así poder aproveitalo, e unha vez que saíron ordenadores con M1 puxéronse mans á obra para crear un port de Linux. Aínda que Linux para procesadores ARM de 64 bits non é ningún misterio, os equipos de Apple teñen moitos elementos únicos, de aí que traballar con eles sen realizar prácticas que poidan violar a propiedade industrial de Apple non foi doado, pero finalmente conseguiron avanzar o suficiente como para facer correr unha distribución Linux de escritorio nun dos novos Mac.
Estamos ante un Linux en probas, que conta aínda con moitas limitacións, pero calquera interesado pode seguir as instrucións que publican dende Corellium para, por exemplo, correr Linux nun Mac mini con M1 a través de USB. Aínda que non estamos ante unha versión de Linux que poidamos considerar apta para contornos de produción, e pese a que o principal uso para adquirir un Mac é precisamente polo feito de que o seu software e hardware estean deseñados de xeito conxunto, sempre hai quen desexa poder utilizar sistemas operativos alternativos, e estes primeiros pasos resultan moi prometedores.

PUBLICIDADE