O Centro de Formación de Audiovisuais de Lugo reforza a súa vertente online de cara a un posíbel endurecemento da COVID
martes, 15 de setembro do 2020
O
Centro de Formación
da antiga Fundación TIC da Deputación de Lugo (hoxe Servizo de
Audiovisuais) está a preparar un exhaustivo plan de actuación
fronte á COVID-19 de cara ao inicio do curso, fixado para o 17 de
setembro. O desenvolvemento dos protocolos foi supervisado este
martes polo presidente da entidade provincial, José Tomé,
acompañado da deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto e o
deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
Segundo explicaron, o programa anti-COVID inclúe medidas
tecnolóxico-dixitais para o caso de que houbese que adoptar a
formación semi-presencial ou totalmente a distancia.
No
seu percorrido polas instalacións do centro, Tomé fixo saber que a
Deputación extremou a prevención “superando mesmo as medidas
establecidas polas autoridades sanitarias e educativas e poder
ofrecer así un entorno seguro ao alumnado, os docentes e demais
persoal do centro”.
José
Tomé destacou tamén que “temos un modelo público de servizos que
ofrece seguridade e tranquilidade aos seus usuarios e usuarias, isto
acontece coa nosa rede de centros de maiores e tamén con este centro
de formación do Servizo de Audiovisuais”. O presidente tamén fixo
saber que “antes de que comece o curso recibiremos a Certificación
de Espazo Controlado COVID-19, logo de que un servizo de prevención
alleo á Deputación realizase unha auditoría presencial no centro”.
Así
mesmo, o plan de adaptación elaborado polo centro e avalado polo
servizo provincial de Prevención, contempla a adquisición de novo
mobiliario para garantir a distancia mínima de 1,5 metros entre as
persoas; a creación de grupos estables de alumnos e profesores para
reducir o número de contactos; e a habilitación de tres aulas con
espazo suficiente para respectar a distancias.
A
maiores destas e doutras medidas específicas e concretas, o plan
fronte á COVID-19 do Centro de Formación do SdeA tamén contempla
as medidas a tomar “no caso de que empeore a evolución da crise
sanitaria”. Así, indicou a Deputación, “se o modelo fose
semipresencial, os alumnos acudirían ao centro en días alternos, de
xeito que a metade seguiría a clase na aula e o resto faríao desde
as súas casas por streaming”.
No
caso de confinamento, o alumnado seguiría as sesións vía online
e traballará cun servizo web educativo desde as súas casas. Por
outra banda, de darse corentenas, ben sexa individuais ou de grupos,
“utilizaríanse todas as ferramentas online necesarias para
que os estudantes e os profesores que estean en boas condicións
poidan participar desde as súas casas nas clases”, explicaron hoxe
o presidente e os devanditos deputados.