Os GPUL Labs achegan hoxe unha charla sobre concursos de software libre

luns, 24 de setembro do 2018 Redacción

Hoxe ás 18:30 horas, a Facultade de Informática da Coruña vai acoller unha nova cita dos GPUL Labs, os obradoiros impulsados polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux para ampliar e reforzar o carácter referencial da nosa terra no mundo do software libre, facendo comunidade e poñendo a semente de novos proxectos. Máis polo miúdo, a cita de onte servirá entre outras cousas para presentar o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre organizado pola axencia AMTEGA e que conta coa colaboración de GPUL.
Na xuntanza, amais de debullar os obxectivos e os detalles do galardón, Pablo Castro (activista do GPUL) tamén falará do futuro laboral que se abre con este tipo de tecnoloxías de software e e hardware e do que poden deparar estes ámbitos a todas as persoas que están na recta final dos seus estudos, amais de achegar consellos sempre dende o punto de vista do mundo libre.
Lembrar que os GPUL Labs son unha serie de conferencias-demostracións-obradoiros organizadas por GPUL ao abeiro do convenio da AMTEGA coas asociacións de software libre. O evento naceu hai un par de anos e nel fan comunidade profesionais, estudantes, empresas e seareiros do software libre para dar a coñecer tecnoloxías e comunidades libres e punteiras e buscando sempre alentar novas incorporacións ao colectivo galego de usuarios e desenvolvedores de programas sen cancelas.

PUBLICIDADE