Os Amigus Labs convidan a rematar o verán creando robots e deseños en 3D

venres, 14 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os nosos coñecementos en robótica e en “construción” de hardware e software libres van ter oportunidade de recibir un novo e importante pulo os días vindeiros nas Pontes, coa nova entrega dos Amigus Labs, os obradoiros maker que organizan cada pouco os membros da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A edición 18.5 destas actividades creativas celébrase o día 29 de setembro, como de costume no Lar da devandita vila coruñesa.
A actividade estará centrada unha vez máis na arte e na creación dixital: desta volta acometendo o desenvolvemento de novos prototipos, dende robots velocistas a pantallas interactivas, pasando pola construción colectiva dunha gran cúpula xeodésica integramente impresa en 3D. Para todo isto e máis, sinalan dende Amigus, usaranse novamente ferramentas de software e hardware libre.
Asemade, na cita traballarase arredor dun proxecto que está a coller impulso: o deseño e fabricación dunha impresora 3D de gran formato. Na xornada do 29, unha parte do planning centrarase precisamente en preparar e dar forma á montaxe do material. Este proxecto, informa Amigus, será unha das iniciativas (amais do barco solar ou as máquinas de aire retro, entre outras) a presentar pola asociación no transcurso do evento argalleiro OSHWDem (https://oshwdem.org) que se celebra Museo Domus de A Coruña o vindeiro 10 de novembro.
Como de costume, a nova edición dos Amigus Labs emprestará especial atención á rapazada, de aí que estea programado habilitar un recanto Amigus Labs Kids, desta volta cun obradoiro de construción de prototipos con Arduino, que segundo nos lembran dende a asociación das Pontes é unha plataforma de desenvolvemento de computación física, de código aberto, baseada nunha pequena placa cun microcontrolador e un software para programala. “Veremos un pouco de electrónica e programación e como aplicalo a varios exemplos que realizaremos”, engaden os organizadores da quedada, lembrando que a idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.
Dende o colectivo das Pontes tamén recordan que podemos asistir ao laboratorio cos nosos propios proxectos ou virmos equipados coa nosa propia computadora, a nosa impresora 3D e todo o preciso “para poder conectalo a un só enchufe”.

PUBLICIDADE