Oppo presenta a súa nova xeración de cámaras baixo a pantalla

mércores, 4 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Estamos afeitos a que os lectores de impresións dixitais poidan ocultarse baixo a pantalla dos nosos smartphones, pero á hora de facer o mesmo coa cámara frontal terminais como o ZTE Axon 20 5G constataron que a tecnoloxía non madurara dabondo como para facer que unha cámara oculta tras o panel da pantalla ofrecese unha calidade de imaxe digna, pero agora chega Oppo e desvela a súa nova xeración de cámaras baixo a pantalla dos smartphones, asegurando que coa combinación de hardware e algoritmos de intelixencia artificial conseguen unha boa experiencia coa pantalla e unha calidade de imaxe nas fotografías sen compromisos.
Dende Oppo aseguran que conseguiron que a imaxe en pantalla na zona na que se agocha a cámara frontal é consistente (mantendo unha resolución de 400 puntos por polgada), de xeito que o usuario percibe que a pantalla ocupa toda a parte frontal do teléfono. Tamén fan uno di sistema de cableado transparente para a pantalla e dun sistema de control de píxeles independentes que mellora tanto a precisión como a lonxevidade do panel.
Aínda que conseguir certa transparencia no panel na zona da cámara no momento de realizar un selfie é relativamente doado, estamos ante un obxectivo fotográfico moi problemático, o que supón unha aplicación intensiva de software para corrixir as numerosas aberracións e interferencias, o que dende Oppo aseguran ter conseguido mediante algoritmos propietarios de intelixencia artificial, de xeito que conseguirían fotografías naturais nunhas condicións tan complexas, facendo posible o soño dun móbil todo pantalla sen ter que recorrer a solucións como cámaras telescópicas (que ao ter compoñentes mecánicos son moi susceptibles de fallar a longo prazo).
Dende Oppo levan traballando en cámaras baixo a pantalla dende 2018, tempo no que presentaron máis de 200 patentes relativas a esta tecnoloxía e tamén contribuíron á proposta de estándar da IEC sobre este tipo de cámaras, e agora aseguran estar moi preto de conseguir que as cámaras baixo a pantalla poidan chegar ao público de xeito xeral e non se limite a unha tecnoloxía de prototipos ou de móbiles de produción reducida.

JPEG - 289.3 KB
Fotografía de mostra da nova tecnoloxía de cámara baixo a pantalla de Oppo

PUBLICIDADE