O smartwatch infantil FiLIP chega a España da man de Movistar

xoves, 17 de setembro do 2015 Redacción

Telefónica comercializa en España desde o 18 de setembro FiLIP, un reloxo intelixente para nenos de entre 4 e 11 anos do que xa demos conta o ano pasado e que, amais de indicar o día e a hora, permite a comunicación entre pais e fillos, así como a localización destes, permitindo aos adultos ter a tranquilidade de poder estar en contacto cos seus fillos sempre que queiran e coñecer a súa localización.
O lanzamento é froito dun acordo, adiantando no pasado Mobile World Congress de Barcelona, entre Telefónica e a estadounidense FiLIP Technologies, para cubrir a necesidade que teñen os pais de estar en contacto cos seus fillos menores de 12 anos, e coñecer a súa localización, pois é a esa idade á que a maioría dos pais adoita comprar o primeiro smartphone aos seus fillos. O 90% dos proxenitores confesan que lles gustaría contactar cos seus fillos polo menos unha ou dúas veces ao día preferiblemente, mediante unha chamada de voz ou mensaxe de texto.
O dispositivo ten unha pantalla na que o pequeno pode ver, o día, a data e a hora. Ademais, conta só con 2 botóns (un vermello e outro negro) no lateral esquerdo do reloxo cos que o neno pode seleccionar a acción que quere realizar (por exemplo chamar a papá) e executala.
O smartwatch pódese adquirir desde o 18 de setembro só en tendas Movistar por 135 euros, máis unha cota mensual de servizo de 12 euros, que inclúe 150 minutos de voz e 50 MB de bono de datos para localizacións. A compra do smartwatch pode financiarse a 12 ou 24 meses sen intereses, nin comisións.
O móbil FiLIP 2 pode vestirse como se fose un reloxo normalPara gozar das vantaxes do smartwatch FiLIP só hai que acudir a unha tenda Movistar, adquirir o dispositivo e dar de alta o servizo. O proxenitor debe ter un smartphone con sistema operativo iOS ou Android, e descargar a aplicación móbil de FiLIP dende Google Play ou a App Store. No lote que se lle entrega na tenda atopará, ademais do reloxo intelixente, unha guía rápida de usuario, tanto do smartwatch FiLIP como da instalación da aplicación móbil paso a paso. Unha vez instalada a aplicación, o adulto establece os cinco contactos de confianza cos que o cativo pode comunicarse. O menor poderá facer chamadas a eses teléfonos e recibir chamadas e SMS (24 caracteres) dos cinco números predefinidos. Os pais tamén teñen a opción de establecer distintas zonas seguras de tal forma que reciben unha alerta se o neno entra ou sae das áreas delimitadas.
Esta é a primeira vez que se lanza no mercado español un teléfono-reloxo que permite a comunicación bidireccional entre pais e fillos, así como a súa localización. É un dispositivo idealmente pensado para aqueles pais que queren estar en contacto cos seus fillos pequenos, e beneficiarse dun sistema sinxelo de localización.

O smartwatch chega ás tendas esta mesma semana

Vídeo promocional do smartwatch FiLIP

PUBLICIDADE