FiLIP 2, un novo teléfono con forma de reloxo para os cativos

venres, 7 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Os smartwatches son os accesorios electrónicos de moda e, aínda que o normal é asocialo a un uso por parte de deportistas ou profesionais, os máis pequenos da casa tamén parecen estar a demandalos, ou iso entenden dende FiLIP, compañía norteamericana que está a comercializar o seu novo FiLIP 2, un reloxo de 80 x 53 x 47 milímetros e 58 gramos de peso, que conta cunha pantalla de 1,8 polgadas cunha resolución de 128 x 128 píxeles, GPS, Wi-Fi, GSM/3G (funciona cunha tarxeta SIM) e batería de 390 mAh (que achega unha autonomía de até 50 minutos en conversa e 48 horas en espera) e carcasas de cores rechamantes (azul, laranxa, rosa ou verde, que poden intercambiarse) e que, aínda que ten un prezo recomendado de 149,99 dólares, o operador AT&T véndeo por 99,99 dólares (80,29 euros).
Estamos ante un produto destinado a nenos de entre 4 e 11 anos que poidan manter o contacto cos seus pais sen ter que cargar cun teléfono no peto, coa vantaxe de que ao contar con GPS permite que os pais poidan localizar o seu cativo en situacións de emerxencia (incluso é posible definir zonas de seguridade, de xeito que alértase aos proxenitores no caso de que o rapaz entre ou saia das zonas definidas). Este reloxo é realmente un teléfono móbil que pode realizar e recibir chamadas de até 5 números predeterminados (conta cun botón para chamadas de emerxencias que irá chamando aos contactos por orde de prioridade até que algún conteste), para unha maior seguridade, á vez que tamén pode recibir mensaxes de texto.
Para controlar estes reloxos FiLIP conta con aplicacións para Android e iOS que permiten ver a localización do reloxo no mapa, administrar as zonas de seguridade, xestionar os contactos e remitir mensaxes ao FiLIP 2.

O móbil FiLIP 2 pode vestirse como se fose un reloxo normal

PUBLICIDADE