O Messenger segue a voltas co seu décimo aniversario

martes, 29 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Din que coas novas tecnoloxías non hai volta atrás. Quen usou algunha vez a Rede e foi quen de descubrir o doado que era informarse ou comunicarse, é moi probable que non a solte. Disto tamén tratan ferramentas como Windows Live Messenger, servizo gratuíto dirixido á mensaxeiría instantánea (escribes e comunícaste no intre) sen o que xa non sería posible concibir as pausas de traballo (e o traballo mesmo) dunha boa cantidade de directivos, empregados, funcionarios e estudantes deste mundo. O caso é que o estado español non semella deficitario en uso de Messenger: son 17 millóns de persoas as que o empregan, segundo informa a firma responsable do seu desenvolvemento e se fai eco Xornal.com.
Pois ben, é moi probable que unha boa parte deses usuarios teñan a sensación de que levan coa ferramenta toda a vida, pero nada máis lonxe da realidade: só ten dez anos, e o aniversario segue (logo das actividades das que informamos en xullo).
E se cadra Microsoft ten certas razóns para estirar a festa: a día de hoxe, xa hai máis de 323 millóns de messengueiros asiduos en todo o mundo, sendo de 140 millóns a cifra de persoas que aproveitan todos os días para dedicarlle ao servizo de Microsoft o que antes lle dedicaban a calquera outra canle de comunicación: dende o teléfono fixo até berrar no patio de luces. Polo que respecta ao número de mensaxes que se envían nun día, a contía dá medo: 8,6 millóns. Segundo conta a empresa e reflicte a dita web galega, hai exemplos que falan por si sós: “se enviaramos unha carta por cada unha das 1,6 miles de millóns de sesións de Messenger que acontecen nun día, e logo se amoreasen as páxinas unha tras outra, o feixe resultante chegaría á Lúa”.

PUBLICIDADE