A Politécnica de Ferrol acolle unha nova edición do curso sobre técnicas de modelado 3D

mércores, 10 de xuño do 2026 S. P.

Un ano máis, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle o curso de verán Modelado 3D con Siemens NX da man dos profesores da Universidade da Coruña (UDC), Juan de Dios Rodríguez García e Antonio Couce Casanova.
Desde este mércores 10 e ata o venres 12 de xuño celebrarase a primeira parte desta formación, de nivel básico, na que o estudantado inscrito poderá familiarizarse coas técnicas de modelado 3D botando man dun software de referencia na industria.
Os 21 alumnos e alumnas inscritos nesta primeira parte do curso de verán Modelado 3D con Siemens NX que acolle o Campus Industrial de Ferrol cursan estudos de grao ou de máster na propia Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), así como na Facultade de Dereito e na de Informática, ambas as súas situadas no Campus da Coruña.
As persoas interesadas en participar na segunda parte do curso, de nivel avanzado, poderán inscribirse ata as 14:00 horas do venres 12 de xuño. A formación terá lugar, do luns 15 ao mércores 17 de xuño, de 09:00 a 14:00 horas. O prezo da matrícula é de 30 euros para os e as integrantes da comunidade universitaria e para aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego.