O Fiadeiro de tradución da USC saldouse con máis dunha ducia de localizacións ao galego

mércores, 4 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das edicións anteriores do Fiadeiro

O software libre en galego benefícianos dende tódolos puntos de vista: porque é especialmente accesible para tódolos usuarios (nunha boa parte dos casos a un golpe de click e listo), porque é adaptable ás nosas necesidades particulares e porque contribúe a crear participación e fronte común arredor do coñecemento. A maiores, tamén axuda a normalizar a nosa lingua na cousa dixital. Tendo en conta todo isto, que ninguén se estrañe se cada pouco se convocan maratóns na nosa terra para traducir programas colectivamente. Fano asociacións como Trasno e faino tamén a Oficina de Software Libre da USC coa axuda do Servizo de Normalización Lingüística. Nesta liña insírese a terceira edición do Fiadeiro de Localización de Software Libre, que se celebrou o mes pasado e que aparece reflectido polo miúdo no Cartafol Dixital da USC.
Segundo conta Miguel Rodríguez, a xornada de tradución serviu entre outras cousas para pór en práctica os contidos aprendidos previamente polos participantes e para adaptar ao galego aplicativos pequenos e un conxunto de programas con maior volume de cadeas. A xuntanza, coordinada por o filólogo Antón Méixome e máis o técnico da dita Oficina, Enrique Estévez, foi dende o puramente teórico até o decididamente práctico, coas traducións propiamente ditas e preparándose o terreo do traballo de divulgación que vén despois, cos participantes empregando as ferramentas tratadas e recomendándollas aos seus contactos. Entre os recursos traducidos, e como é lóxico, semella que hai maioría de aplicativos ligados aos procesos educativos e formativos, como Giftwrap, Viewnior, Gossip ou Nemive. “En total”, engade Miguel Rodríguez, “ao final dunha longa xornada que se prolongou por propio gusto alén das nove horas previstas, un conxunto de 13 aplicativos foran traducidos por nós, aínda que os coordinadores de GNOME e Ubuntu estean a facer a revisión e corrección final”.

PUBLICIDADE