O Concello de Vigo organiza a vindeira semana actividades sobre redes sociais e ámbito laboral

xoves, 12 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

As redes sociais cambian o noso xeito de relacionármonos, uns cos outros, potenciando e ampliando todo aquilo que xa coñeciamos: comunicarnos, coñecernos, reatoparnos, localizarnos. Isto que ten potencial a nivel persoal, teno tamén a nivel de escenario de traballo. Dar a coñecer as posibilidades das comunidades 2.0 no eido laboral e dos recursos humanos é o gran obxectivo da xornada que organiza o Concello de Vigo o vindeiro luns 16. Os seus eixes temáticos específicos serán RR HH, emprego e Twitter. A cita é no Paraninfo do Centrol Local de Emprego e Ocupacións, na rúa Oporto, nº 1, ás 19.30 horas.
A conferencia, informa o Concello de Vigo, será impartida por Francisco José Collazo, director de Recursos Humanos de Pórtico e todo un referente no ámbito laboral nas redes sociais. Autor do libro Twitter y la búsqueda de empleo e responsable do blog de Laboralnews que no seu perfil de Twitter conta con máis de 30.000 seareiros. Xa no día seguinte, o martes 17, dirixirá un obradoiro encamiñado á mocidade no que tratará sobre Twitter e o seu uso como instrumento para a busca de emprego. As persoas interesadas en participar deberán facelo contactando con @Punto_xove en Twitter. O evento enmárcase dentro das actuacións e propostas que o Concello de Vigo apoia e organiza na busca da dinamización do mercado de traballo e da promoción de actividade económica.