O CPEIG prepara unha nova entrega do seu programa de prevención de ciberacoso e ciberdependencia

mércores, 26 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

As posibilidades e novidades de información e comunicación que nos achegan as novas tecnoloxías son tantas e tan variadas que se fai preciso abordar o seu aproveitamento como se dunha fonte de riqueza ou de enerxía se tratase: de xeito racional. Isto que é aplicable aos maiores, ten máis razón de ser nos adolescentes e nos cativos, aos que cómpre aprender que as TIC, con tódalas súas vantaxes (moitas), non merecen todo o seu tempo de lecer, e que nas TIC, como no eido non virtual, non é certo nin útil nin fiable todo o que se achega. Este é un dos obxectivos de Navega con Rumbo polo Ciberespazo, un programa que está a piques de chegar á súa segunda edición, dentro do Proxecto Abalar da Xunta e da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG.
Arestora, de feito, a entidade profesional galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia están a ultimar o protocolo de colaboración para a posta en marcha dunha nova entrega do programa, dirixido a nenas, nenos, pais, nais e educadores para pórlles ao alcance da man información sobre aspectos relacionados co ciberacoso, a dependencia das novas tecnoloxías e o uso responsable das redes sociais.
Tralo éxito das edicións anteriores”, informa o CPEIG, “en breve formalizarase o acordo e poranse en marcha novas sesións formativas, contándose con especialistas do Colexio para desenvolver o seu labor nos centros educativos, impartindo charlas divulgativas de unha hora de duración nas que lles aprenderán aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable, coa implicación tamén do profesorado”.
As sesión divulgativas están apoiadas por guías de boas prácticas dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e profesorado. Unha web propia, navegaconrumbo.es, completa o programa e inclúe, de balde, a posibilidade de descarga das guías en formato electrónico, xogos e ligazóns de interese.
Reconto de cifras
Segundo fai saber o CPEIG, durante o ano 2010, os colexiados do Colexio impartiron un total de 90 sesións informativas en diferentes centros educativos de primaria e secundaria de Galicia ao abeiro do Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo; en 2011 foron 138 accións formativas e no actual ano 2012 estímase que se programarán un total de 200 charlas.
En opinión do CPEIG, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosa -co apoio ao Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo- “ser consciente da necesidade de que os actuais alumnos e alumnas, como futuros cidadáns, desenvolvan as capacidades necesarias para a realización dunha navegación e uso seguros da rede Internet”.
Para o CPEIG “é fundamental preservar a privacidade dos datos persoais e previr posibles fraudes no uso de Internet”.
Son dúas as estratexias definidas no marco do Proxecto Abalar: a primeira desenvólvese no eido técnico a través de infraestruturas instaladas e servizos tales como os filtros web, o control no uso de determinadas aplicacións, a xestión centralizada dos equipos Abalar ou o emprego de sistemas baseados en software libre que son analizados por unha comunidade mundial na busca de vulnerabilidades de seguridade. A segunda estratexia, a máis importante consonte á opinión do CPEIG, consiste na prevención dende a perspectiva educativa con iniciativas como é o Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo.