A USC reúne a comunidade da tecnoloxía educativa na XXXIII edición das Xornadas JUTE
luns, 8 de xuño do 2026
A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á tecnoloxía educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026).
O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) baixo o lema Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida.
Durante esas tres xornadas, máis de 200 participantes compartirán investigacións e experiencias arredor dos retos que no eido da tecnoloxía e a educación.
Segundo explica a USC, as JUTE constitúen, desde hai máis de trinta anos, un dos principais foros de diálogo, intercambio e reflexión compartida sobre investigación e docencia no ámbito da Tecnoloxía Educativa.
A USC salienta que a cita en Santiago “ten un valor simbólico especial”, xa que a Facultade de Ciencias da Educación foi o lugar onde, en 2006, naceu a Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa (RUTE), a comunidade que institucionalizou este campo de coñecemento en España e proxectou as súas actividades en España e no estranxeiro. Vinte anos despois, as xornadas volven ao seu lugar de orixe cun claro espírito renovado.
A edición deste ano propón reflexionar sobre os interrogantes dunha sociedade cada vez máis híbrida e as súas implicacións educativas, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dunha cidadanía dixital crítica capaz de sustentar, desde a educación, os valores necesarios para o fortalecemento democrático.
O programa abordará algúns dos debates máis vivos do momento: a renovación dos libros brancos nas facultades de educación, a controversia sobre o uso das pantallas na vida cotiá e as políticas educativas derivadas, a irrupción da IA nos procesos de ensino e aprendizaxe, e as implicacións destes e moitos outros ámbitos relacionados coa tecnoloxía educativa na convivencia social.
As xornadas estrutúranse arredor de tres obxectivos: examinar os retos da hibridación para unha alfabetización dixital crítica, estudar as implicacións do sistema sociotécnico actual na convivencia e na educación e elaborar unha axenda educativa para o desenvolvemento dunha cidadanía dixital crítica.
