O CESGA e a UDC colaboran favorecendo o acceso á Rede de persoas con diversidade funcional

venres, 27 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A posición das novas tecnoloxías cara ás persoas con diversidade funcional é unha posición que non semella admitir termos medios. Ou son importantes ferramentas para o medre da súa calidade de vida ou non son nada (unha barreira ou un muro máis co agravante de que se lles pechan as portas á Sociedade da Información). Na nosa terra, un dos entes que máis está a traballar para que as redes sexan lugar de traballo, de comunicación e de integración destes colectivos é o CESGA, que volve estar de actualidade pola súa colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) no camiño de perfeccionar un sistema de atención virtual destinado ás persoas con este tipo de diversidade.
Máis polo miúdo, o traballo da Unidade Clínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista e Xerais do Desenvolvemento (UCATEA) da UDC e do CESGA baséase na formación tecnolóxica de varias familias situadas en diferentes vilas da Coruña e Lugo co fin último de poñelas ao día no emprego do dito contorno virtual, o que implica a achega dun equipo informático e acceso á Rede de banda larga.
A idea é subministrarlles a porta de entrada, ou sexa, o propio contorno (desenvolvido pola Área de e-Learning do CESGA e encamiñado a afacer o contacto coa Sociedade do Coñecemento aos requirimentos das persoas con diversidade funcional), para que a conexión á Internet sexa posible. Non xa dende o punto de vista tecnolóxico ou da infraestrutura, senón atendendo ao caso particular de cada internauta.
Polo tanto, con esta achega do CESGA favorécese a realización de todo tipo de actividades ligadas ao medre da calidade de vida no eido familiar: Benestar emocional, Saúde física, Benestar económico, Apoios, Produtividade, Relacións e funcionamento familiar, Implicación na comunidade e defensa, Ocio e tempo de lecer e Autodeterminación).
O labor do dito equipo da Universidade da Coruña é fundamental para saber ata onde poden chegar os valores e vantaxes das novas tecnoloxías e deste proxecto en concreto para as persoas con diversidade funcional e as súas familias. Segundo apuntan os responsables da iniciativa, o abano de actividades semanais desenvolvidas no proceso de avaliación do equipo da UDC é abondo amplo: e-mails con informacións, novas relativas a aspectos fundamentais na vida das persoas con diversidade funcional, discusión mediante foros, sesións de atención individual e grupal a través de chat. “A través deste proceso detéctase que aqueles aspectos onde as familias precisan maior apoio están relacionados coas dimensións de Produtividade, Saúde física e apoios para as familias e as persoas con diversidade funcional”, sinala o equipo da Universidade.