O CEO de Mediterráneo falará en Santiago de novos contidos dixitais

luns, 4 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Fundación Araguaney, con sede en Santiago e na súa vontade de abrir novos e innovadores vieiros de coñecemento, segue adiante este outono cos seus Foros Revbela, o programa de conferencias, debates e mesas redondas sobre as máis candentes cuestións de actualidade e co obxectivo de promover a participación social e o diálogo. Os foros chegan este mes de novembro á súa onceava edición co desenvolvemento de A Curva Dixital, un encontro con Ghislain Barrois, director executivo (CEO) de Telecinco Cinema e director, tamén, da sociedade Mediterráneo e de Mediaset (director produción allea). A cita será o 14 de novembro ás 20.30 horas, no Hotel Eurostars Araguaney de Santiago.
Barrois, como lembraremos, está á fronte de Mediterráneo, un proxecto que agrupa as produtoras de Mediaset para potenciar a produción, a distribución e a venda internacional de formatos de entretemento, cinema, ficción, deportes e contidos dixitais. Mediterráneo agrupa todo o catálogo das súas produtoras participadas e faino baixo unha marca única e coa vontade de ampliar e optimizar a oferta de desenvolvementos de televisión na contorna dixital, unha liña de traballo que ten alcanzado grandes cotas de internacionalización, tal e como se desprende da distribución de películas e series dende Mediaset a algunhas das plataformas máis destacadas do panorama internacional: Netflix, Amazon ou HBO.