No FIFA 11 para Wii poderase xogar na rúa

martes, 27 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O fútbol de rúa é a principal novidade do FIFA 11 para Wii

EA Sports deu novos detalles sobre o xogo FIFA 11 que chegará ás tendas o vindeiro 1 de outubro, e que na súa versión para Wii sorprende polo feito de que, aparte dos seus partidos 11 contra 11 nos que están presentes 30 ligas oficiais, 500 equipos e máis de 15.000 xogadores para elixir, tamén será posible participar en partidos de rúa de 5 contra 5 (nos que tamén figurarán as estrelas internacionais do fútbol en exóticas localizacións que van de Londres a Brasil).
O xogo tamén incluirá novas melloras de xogabilidade, entre os que está un sistema de trucos atacante contra defensa totalmente novo, unha nova mecánica de disparo baseada en botóns, etc.
No caso do xogo na rúa, os xogadores levarán roupa urbana, terán distintos estilos de xogo e incluso poderán empregar as paredes para sortear aos contrarios ou realizar pases.
Con estas novidades é de agardar que a versión de Wii do FIFA 11 non fique nunha entrega de segunda fila, senón que sexa un título que, pese a non ter o nivel gráfico das entregas para Xbox 360 e PlayStation 3, achega modos de xogo de seu, facéndose cunha identidade que agradecerán os usuarios da consola doméstica de Nintendo.

No novo título de EA Sports non faltará o clásico modo de xogo de 11 contra 11

PUBLICIDADE