Microsoft aposta polos topónimos galegos deturpados nos seus servizos de mapas

mércores, 29 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A ruta da deturpación: de Orol a Valle del Oro, pasando por Villacampa

Se o Goberno central, suposto garante da diversidade do Estado, non nos protexe nos topónimos deturpados, e ás veces nin tan sequera o galego, vano facer as empresas? Se así fose, non serían precisos moitos departamentos públicos ligados á cultura, e dende logo que chamaría atención ver camións de transporte de mercancías que puxeran “Pobra do Caramiñal”, “Vila de Cruces” ou “A Coruña” no canto de xa sabemos que. O caso é que a deturpación, tal e como se sinala estes días na Rede, vén ás veces de quen se gaba do contrario: de respectar as identidades e as linguas. Por exemplo Microsoft, a multinacional de Windows, que leva anos traballando por achegar ferramentas súas na nosa lingua e que logo baixa a garda en servizos como Bing Maps, web cartográfica á que lle falta un bo treito para acadar fiabilidade, xa que deixa de lado a versión oficial dos topónimos galegos, recoñecidos pola lei, para meterse de cheo na eterna focha de “Mellid”, por poñer un exemplo.
Este erro, probablemente herdado de anos e máis anos de prácticas cartográficas ligadas ao poder estatal e/ou militar, xeralmente pouco dado a respectar a cultura dos pobos que abrangue, esténdese tamén a casos como “El Ferrol” (e menos mal que non lle puxeron o de “De El Caudillo”), “Villalba”, “Orol” ou “San Saturnino”, entre outros moitos.
Entre a listaxe de despropósitos chama a atención algún que dende logo costa recoñecer e para os que probablemente non haxa en todo o país un só defensor, como é o caso de “El Valle del Oro”, un lugar situado en Lugo que poderíamos identificar con Valadouro e que nos serve para facernos unha idea da falta de tino destes e outros mapas, ben pouco útiles dende logo se queremos ir de viaxe e establecer contacto coa xente de lugar. Dito doutro xeito: non temos ningunha necesidade de quedar de parvos preguntándolle a un veciño de Valadouro se coñece por onde se va a “El Valle del Oro”. A Rede avanzou, o coñecemento supostamente tamén, e xa non terían porqué darse estas imprecisións. O mesmo podemos dicir de “La Teijeira”. Quen, no seu xuízo san, tería azos de falar deste xeito no propio núcleo da Teixeira? Para máis información sobre esta nova achega de topónimos erróneos e a traxectoria plural da empresa que os promove, cómpre botarlle un ollo a esta completa reportaxe de Xornal.com.

PUBLICIDADE