Mancomún confía en que o novo Goberno da Xunta siga apoiando ao software libre

mércores, 22 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Suso Baleato, coordinador de Mancomún

En relación coa política de apoio ao software libre despregada polo goberno saínte da Xunta, unha boa parte da estratexia a seguir polo executivo entrante aínda é pouco máis que unha incógnita. Isto que é aplicable ao conxunto dos apoios á programación aberta e á comunidade galega de usuarios e deseñadores da mesma é aplicable do mesmo xeito ao centro que até o de agora viña coordinando o diálogo entre e uns e outros, o Centro Mancomún. A pregunta que se fan unha boa parte dos internautas galegos é a seguinte: que pasará agora con Mancomún e os moitos froitos acadados ao longo destes últimos anos? Segundo vén de facer saber nunha entrevista recente con A Nosa Terra o seu máximo responsable (e colaborador habitual deste noso medio), Suso Baleato, o novo equipo da Xunta ten máis razóns para potenciar a iniciativa Mancomún das que ten para desmantelala, non só polo conseguido até o de agora, senón porque está probado que o apoio á programación aberta significa en boa medida apoiar as opcións de medre da nosa terra na Sociedade do Coñecemento.
Este apoio, sinala na entrevista (por certo, referenciada en Chuza!), é o primeiro que se desprende do ideario de aproveitamento de recursos do Partido Popular: “Temos unha aposta sobre o papel”, engade Baleato, “que nos fala dunha implantación efectiva na administración, eu desexo que así sexa e non tempos porque desconfiar”.
E prosegue, facendo alusión ao gran compoñente de coherencia que tería o feito de tirar partido do que está en marcha e ben encamiñado para un Goberno, o de Feijoo, que ten como gran proclama a do aforro de recursos: “As políticas de implantación do software libre na administración están moi estudadas e non ten sentido inventar a pólvora, hai un camiño que é o que terá que seguir o novo Goberno se efectivamente ten pensado cumprir a promesa. Por iso non hai outra alternativa que potenciar o que xa hai”.

PUBLICIDADE