Mancomún bótase ás rúas da Coruña para promover o noso software libre

xoves, 30 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro Mancomún segue adiante coa súa actividade de promoción do software libre na nosa terra malia todas as incógnitas que puideron xurdir co cambio de Goberno galego sobre a súa continuidade. E faino (seguir adiante) ao grande: botándose á rúa para dar conta das vantaxes da programación aberta a todos os niveis e, tamén, para afondar na boa sintonía amosada entre a informática libre e o pulo ao galego. Nesta liña é onde se insire a iniciativa de promoción da nosa lingua nas novas tecnoloxías que comeza este sábado día 2 no Concello da Coruña. A actividade, enmarcada dentro da campaña O galego medra contigo que organizan as Concellerías de Mocidade e Cultura, será por así dicilo a face tecnolóxica dun itinerario máis amplo a desenvolver durante maio e xuño polos distintos ámbitos socioculturais da cidade, con carpa móbil e actividades variadas de lecer incluídas.
Mancomúm, que asumirá neste programa os labores de pulo ao dixital, achegará todo o seu material de promoción do sistema operativo libre e en galego, Galinux, así como uns 1.000 exemplares deste para a súa distribución gratuíta entre os asistentes.
Con todo, e malia o carácter representativo de Galinux como un dos exemplos máis salientables de software libre feito na nosa terra, haberá marxe abonda para dar conta doutros proxectos desenvolvidos por Mancomún e a comunidade galega de usuarios e desenvolvedores de programación aberta, como por exemplo o manual de localización, o glosario de termos, a coordinación da tradución de OpenOffice.org ou de aplicativos Mozilla, etc.
Segundo informa o Centro facéndose eco de informacións achegadas polas ditas concellerías da Coruña, a primeira das citas da campaña O galego medra contigo será o sábado 2 de maio no Campo da Leña do barrio de Monte Alto, onde a xornada arrincará ás 11.00 horas coa animación a cargo de Manicómicos e continuará con xogos para os máis pequenos para rematar a mañá cunha actuación musical Cancións para Antía. Xa pola tarde ás 17.00 horas continuará a festa coa actuación da compañía de teatro de títeres Falcatrúa coa representación de Albízaras. Ás 18.15 horas nova actuación musical a cargo do grupo Mamá Cabra. Ademais haberá animación á lectura, expositores de material, sorteos...
Todas as actividades serán de balde e non precisan de inscrición previa, polo que os organizadores convidan a calquera persoa a achegarse para participar desta celebración. Por outra banda, entre todos os participantes sortearanse libros e discos en galego.
As diferentes actividades e localizacións da carpa en vindeiras semanas poden consultarse nun documento en formato PDF.

PUBLICIDADE